Entregados os premios á excelencia turística e gastronómica da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As distincións entregáronse no Día Mundial do Turismo, nun acto no Pazo de San Marcos que puxo en valor proxectos locais que unen tradición e innovación
Gala-Premios-Turismo-Deputacion-de-Lugo
27 Sep 2025

A Deputación de Lugo celebrou o acto de entrega da sexta edición dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia coincidindo co Día Mundial do Turismo, nunha cita na que o presidente da institución e do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, destacou a importancia de iniciativas “que proxectan a nosa identidade ao mundo”. Tomé, acompañado da deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo entrega dos galardóns ás entidades premiadas.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu o programa Descubrir Quiroga, a Queima das Fachas de Taboada e a Foliada da Fonsagrada, mentres que na sección ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense resultaron recoñecidas a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Ademais, o proxecto Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi galardoado na categoría de Turismo Sostible, na que tamén se outorgou un accésit ao Hotel Mogay.

Durante a súa intervención, Tomé Roca subliñou que máis que entregar uns premios, se rende homenaxe ao “compromiso, á creatividade e ao amor pola provincia de Lugo”, salientando que cada iniciativa premiada fala “de xente que cre na súa terra, que entende o turismo como unha ferramenta para xerar riqueza, dinamizar o rural, preservar o patrimonio e dar a coñecer a identidade lucense no mundo”.

O acto desenvolveuse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, estivo conducido polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e contou coa actuación musical da guitarrista lucense Iria de Cabo, integrante da Banda da Loba, e da baixista e cantante Raquel López. O evento foi retransmitido en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación. Como en cada edición, as entidades distinguidas recibiron un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, símbolo deste recoñecemento promovido polo Consello Provincial de Turismo.

PREMIADOS

Entre os premiados, Vicente Parra Vizcaíno, tenente de alcalde de Quiroga, recolleu o premio polo programa Descubrir Quiroga, definido polo presidente como “un convite a mergullarse na riqueza natural, cultural e enoturística da Ribeira Sacra”. A tradición da Queima das Fachas foi representada por Manuel Fidalgo Gayoso, presidente da Asociación Cultural As Fachas, e Roi Rigueira Agromartín, alcalde de Taboada, quen recibiron o galardón pola festa “que ilumina as noites de Taboada como símbolo da memoria colectiva e das celebracións populares”.

Tamén foron distinguidos Jorge López Vázquez, da Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, e Carlos López López, alcalde da Fonsagrada, polo recoñecemento á Foliada da Fonsagrada, unha cita “que transmite a esencia da montaña lucense a través da música e o baile”. Pola súa parte, José Luis Raposo Magdalena, alcalde de Pedrafita, recolleu o premio á Feira do Queixo do Cebreiro, mentres que Pablo Rivera Capón, alcalde substituto de Láncara e deputado provincial, recibiu o galardón pola Feira Degustación da Tenreira de Láncara.

Completaron o cadro de recoñecementos Rocío López García, alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña, quen recolleu o premio a Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense, cualificado como “exemplo de promoción respectuosa co medio ambiente”, e Jacobo Lorenzo Gay, xerente do Hotel Mogay, que obtivo o accésit de Turismo Sostible pola súa aposta por un modelo responsable e de proximidade.

⚙ Configurar cookies
0.087195158004761