Remata a concentración parcelaria en Frexulfe, O Valadouro

AMariñaXa
Fíxose a entrega dos preto de 300 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Frexulfe, no concello do Valadouro.
concello do valadouro
16 Abr 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a entrega dos preto de 300 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Frexulfe, no concello lugués do Valadouro, dando así por rematado este proceso.

Esta parcelaria comprende unha superficie dunhas 120 hectáreas e beneficia a 156 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se triplicou coa reorganización deste terreo, ao pasar de case un millar de parcelas iniciais a 300 fincas. Neste proceso, a Xunta investiu case 600.000 euros e grazas a el, manifestou o conselleiro, conseguiuse aumentar a base territorial das explotacións da zona co fin de que poidan diminuír os seus custos de produción.

Ademais, co remate desta zona danse por finalizados os dous únicos procesos de concentración parcelaria neste municipio lugués, os cales supuxeron a reestruturación total de 720 hectáreas propiedade de case 880 veciños.

A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas este ano nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco e O Pino, nos lugueses de Riotorto e Castro de Rei, e no ourensá de Baltar. Ademais, José González anunciou que nas vindeiras semanas seguiranse rematando máis procesos de concentración parcelaria, coa previsión de entregar outros 1.550 títulos de propiedade a 684 veciños.

Aposta pola mellora da estrutura da propiedade

No transcurso do acto, José González asegurou que o Goberno galego aposta e confía nestes procesos de concentración para mellorar a estrutura da propiedade. De aí que a Xunta destine neste ano 2021 máis de 12 millóns de euros para seguir avanzando nos 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos. De feito, entre os anos 2020 e 2021 entregáronse máis de 9.000 títulos correspondentes a dez parcelarias que beneficiaron 3.368 veciños.

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, José González destacou que se veñen de decretar dous novos procesos no concello de Outeiro de Rei e que está a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia- o estudo previo de iniciación de tres novos procesos nos concellos de Ordes (Poulo), de Castro de Rei (Viladonga) e de Friol (Seoane da Pregación), procesos que se decretarán nas vindeiras semanas. A estes tres procesos, anunciou o conselleiro, sumaranse no prazo aproximado dun ano outras 23 novas parcelarias en Galicia.

Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego, seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.

Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

0.1849479675293