Entregado o premio do certame Concurso-Exposición Letras Galegas 2023 ao CEIP Juan Rey de Lourenzá

AMariñaXa
O CEIP Juan Rey de Lourenzá gaña o certame Concurso-Exposición Letras Galegas 2023 co seu Desde a fiestra de don Paco
CEIP Juan Rey de Lourenzá premio letras galegas 2023
7 Maio 2023

O alumnado do CEIP Juan Rey de Lourenzá recibiu o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2023, na categoría Infantil e Primaria.

A sú exposición gañadora na categoría A, foi Desde a fiestra de don Paco. Na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada foi Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego, do IES Castelao, de Vigo.

O traballo dos laurentino foi elaborado polo profesorado e alumnado do centro foi agasallado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen dixo que "é moi importante entregar este galardón na propia vila natal de don Paco, da que nunca se desvinculou e á que lle dedicou Lourenzá, un dos seus persoais libros de viaxe”. Ademais, quixo agradecer “a todo o profesorado e alumnado do centro a súa implicación, tanto na elaboración tan coidada do traballo presentado, como na celebración destas Letras Galegas tan especiais para os laurentinos”.

Desde a fiestra de don Paco foi premiada pola súa creatividade, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos moi diversos na procura de difundir a vida e obra de del Riego, entre os que destacan os código QR, que aparecen en cada cartel e permiten acceder aos podcasts coa biografía adaptada, ou a incorporación de linguaxe Braille e pictogramas. Ademais, o cartel número sete da exposición, que mostra a don Paco como un viaxeiro e como unha ponte imprescindible entre a Galicia de aquí e a de alén do mar, foi elixido polos supermercados da cadea Vegalsa-Eroski para a súa campaña conmemorativa do Día das Letras Galegas.

Certame anual

O Concurso-Exposición Letras Galegas, destinado aos centros de ensino público non universitario, convócase cada ano pola Consellería de Cultura no marco da programación institucional das Letras Galegas. O obxecto do certame é elaborar unha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu.

Nesta última edición, o outro gañador (categoría de Secundaria) foi o Instituto IES Castelao de Vigo, cidade coa que del Riego tamén tivo especial relación, polo seu traballo Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego.

Ademais, ambas exposicións están dispoñibles en versión dixital e poden descargarse, canda outros recursos creados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, no Portal da Lingua Galega.

Carteis en 2.000 puntos de destino

A colección de dez carteis que integra cada unha das mostras gañadoras, así como a súa guía didáctica,  chegará a case 2.000 puntos de destino: aos centros educativos de toda Galicia, mais tamén aos centros nos que se imparte galego fóra da nosa Comunidade autónoma (de Castela e León, mesmo ao Instituto Cañada Blanch de Londres, ao Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e ao Colexio Castelao de Caracas).

Ademais, tamén chegarán a centros de estudos galegos, concellos da Rede de Dinamización Lingüística (e outros de fala galega como os do Val do Ellas en Estremadura), bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.

0.19587898254395