Entregadas en Ribadeo máis de 600 árbores frondosas para repoboación
O Cantón dos Moreno en Ribadeo acolleu a entrega das árbores destinadas a repoboar con frondosas as faixas de protección de vivendas e núcleos de poboación fronte aos incendios forestais. O lugar foi escollido por estar ao aire libre e citando aos beneficiarios desta axuda en catro quendas ante a problemática de saúde pública ocasionada polo covid-19.
Todos os veciños e veciñas que solicitaron a axuda foron beneficiarios da mesma, un total de 23, que destinarán estas árbores a repoboar 44 parcelas que supoñen máis de 13 hectáreas de redes secundarias de faixas de xestión de biomasa marcadas polo Plan de Incendios do Concello de Ribadeo. Foron máis de 600 as árbores repartidas.
O orzamento das árbores entregadas ascende a 8.827,87 euros, o que supón un importante incremento fronte a axuda establecida no ano 2019, que fora de 6.500 euros. Con estas árbores entregadas búscase axudar economicamente ás persoas que adaptaron as súas faixas á lei de incendios de Galicia. O obxectivo desta acción é conseguir con estas plantacións de frondosas reducir nun futuro as necesidades de mantemento destes espazos, ademais de, por suposto, servir de medida preventiva fronte aos incendios forestais.