Entran en vigor novas tarifas para os usuarios da residencia e centro de día de Foz

Foz
AMariñaXa
As taxas cambian coa nova concesión, aínda que o Concello non vai a permitir que ningún usuario se quede fóra por non ter recursos económicos suficientes
residencia-foz-alcalde-cajoto
O alcalde diante da residencia
23 Maio 2024

 

O Concello de Foz vén de adxudicar á empresa CK Sénior Gestión SL o contrato de concesión do servizo de residencia e centro de día por 9,3 millóns de euros. A competencia é da Xunta de Galicia, pero o Concello no ano 2016 tivo que solicitar autorización á Dirección Xeral de Administración Local para asumila e fíxoo co compromiso de que o servizo non suporía un aumento do gasto en ningún caso para o Concello.

Dende o Goberno local trasladan que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia negouse a asumir a xestión da residencia a partir do 16 de xaneiro do ano 2023, cando finalizaba o convenio asinado co Concello.  Recalcan que se a xestión fora do Consorcio Galego, tal e como defendía o goberno municipal, os usuarios aboarían o 80 % das súas pensións como contraprestación polo servizo.

Deste xeito, os prezos que cobran as concesionarias polos usuarios para o servizo de residencia mantéñense fixos e inalterables durante a vixencia das concesións. No período transitorio entre as dúas concesións o Concello de Foz con impostos de todos os veciños está a sufragar a diferenza entre as tarifas aboadas polos usuarios e o estudo técnico municipal aprobado en pleno do 26 de xaneiro de 2023.

As novas tarifas que deberán aboar os usuarios e que entran en vigor coa nova concesión son o resultado do estudo de viabilidade económica aprobado por unanimidade en pleno do 18 de maio de 2023 e da oferta máis vantaxosa presentada no procedemento aberto de contratación. Durante o proceso de contratación houbo dúas ofertas: unha de IDEA que non ofertaba baixa sobre os prezos establecidos no estudo de viabilidade económica e outra de CK Sénior Gestión SL que ofertou unha baixa do 2 % sobre as tarifas marcadas no expediente de licitación.

 

Porén, o Concello de Foz non vai a permitir que ningún usuario da residencia se quede fóra por non ter recursos económicos suficientes para pagala. Por iso, nos orzamentos do ano 2024 aumentou a partida 231.48901 Axudas de Emerxencia Social dos 30.000 euros do ano 2023 aos 270.000 euros que recollen os orzamentos actuais. Actualmente existen usuarios da residencia que perciben unha axuda de emerxencia social para asumir as tarifas vixentes desde o ano 2019, pero prevese que haxa un aumento importante de demandantes das axudas ao incrementarse as tarifas.

Estes 240.000 novos euros incorporados ao orzamento establécense para cubrir un previsible aumento de usuarios perceptores de axuda de emerxencia social. As axudas son compatibles con outras achegas para o mesmo fin e concédense en función da capacidade económica do usuario en atención á renda e ao patrimonio, exceptuando a vivenda principal. Debe achegarse declaración de indispoñibilidade económica dos familiares directos para colaborar no custe e á persoa usuaria resérvaselle para os seus gastos un 25 % como mínimo do importa da pensión contributiva mínima mensual. Unha vez asinado o contrato do Concello de Foz coa nova concesionaria poñeranse en contacto con tódolos usuarios da residencia e centro de día para explicar de forma máis pormenorizada a nova concesión e tratar de forma individualizada cada caso.

0.13793396949768