Entra en funcionamento en Ribadeo o novo aparcamento da rúa Ramón González
Esta semana entrou en funcionamento o novo aparcamento situado na rúa Ramón González, tras as labores de adaptación realizadas na zona. Durante este verán o Concello de Ribadeo creou un total 365 novas prazas de aparcamento gratuítas.
O alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso, explicou que “esta semana entrou en funcionamento o aparcamento habilitado polo Concello na rúa Ramón González, despois de realizar obras de adaptación e de facilitar a saída pola rúa Deputación, tal e como xa aconteceu hai uns días co aparcamento situado nas proximidades da estación de autobuses. En total trátase de 365 novas prazas de aparcamento gratuíto creadas en Ribadeo nestas dúas zonas e tamén coa ampliación realizada no aparcamento da rúa Julio Lazúrtegui. Ademais o Concello fixo traballos de mellora no aparcamento que está situado entre as rúas Daniel Cortezón e Pintor Fierros”.
Vizoso Galdo subliñou que “desde o Concello de Ribadeo o que quixemos facer foi ofrecer unha solución ás prazas que se veñen ocupando de forma puntual os mércores, debido á nova ubicación do mercado na zona do aparcamento municipal, e por outro lado ás que se ocupan coas ampliacións das terrazas. No caso do aparcamento municipal os mércores ocúpanse as 170 prazas que quedan dispoñibles o resto dos días e 26 son as prazas que se ocupan debido á ampliación das terrazas para os locais hostaleiros”.
O rexedor en funcións engadiu que “o obxectivo dos traballos realizados desde o Concello de Ribadeo é facilitar todo o que poidamos tanto as veciñas, aos veciños e a quen nos visita, aparcar o máis comodamente posible, dinamizar o tecido comercial e facer a nosa vila o máis accesible posible”.