Enésima puñalada
Por Pablo Veiga
Da noite para a mañá, a multinacional con orixe en Dinamarca, Vestas, anunciou o peche da factoría ubicada en Chavín, concello de Viveiro. Nun comunicado moi elaborado, explican as causas da devandita decisión, escudándose na procura de crear novos produtos e solución para os seus clientes, co obxectivo de acelearar o despregue das enerxías renovables e mellorar a competitividade eólica. Bla, bla, bla.
O resultado inmediato é a destrución de cento quince postos de traballo directos na nosa provincia, na bisbarra da Mariña, que xa vive co corazón nun puño desde hai meses ante o negro futuro de Alcoa, en San Cibrao. Homes e mulleres ós que lles informaron que buscarán unha reubicación, sen saber onde nin como, pero o certo é que en Viveiro tan só uns poucos poderían ter acomodo.
Outra puñalada máis, poderiamos dicir, xa que se repiten procedementos vistos con anterioridade. Asistimos como grandes empresas con sedes en lonxanos lugares escollen o noso territorio para instalarse, creando riqueza en forma de emprego, un ben moi aprezado en calquera lugar, pero moito máis no noso, onde a industrialización resultou moi feble. Estas entidades recibiron substanciosas axudas das distintas administracións públicas, subvencións ás cales non fixeron noxo precisamente. Pasa o tempo e de súpeto acordan que xa non lles interesa seguir no mesmo lugar. Entón, escóitanse conceptos que resultan familiares, como por exemplo, deslocalización, unha práctica habitual do capitalismo. Aquí xa conseguimos todo o que podiamos acadar, polo que decidimos recoller os bártulos e marchar para outra parte, que nos están esperando cos brazos abertos, onde produciremos moito máis barato e ademáis tamén teremos a oportunidade, malo será, de recibir beneficios dos distintos gobernos. A música de sempre e que incomprensiblemente se lles permite seguir interpretando. De inmediato, as protestas e manifestacións dos directamente afectados, os empregados desas factorías, quen contan en xeral co apoio e a empatía do entorno, xa que este tamén se verá moi prexudicado, incluído o poder político con declaración sentidas, comprometéndose a traballar para evitar o peche, pero uns polos outros, o certo é que solucions non se albiscan. Tamén asistimos a iniciativas novedosas de loita, como a de Álex Paleo, quen percorreu os 2.800 quilómetros que separan Viveiro da cidade dinamarquesa de Aarhus, para entregarlles unha carta ós directivos da multinacional solicitando que non se peche a planta de Chavín. Álex, de corenta anos, un ciclista profesional no pasado, un traballador máis que ve perigar o seu futuro, foi acompañado na súa viaxe durante trece días por outros dous compañeiros que lle prestaron apoio nas duras etapas, Breixo e Guille. Una vez chegados a Dinamarca, os traballadores entrevistáronse con directivos de Vestas, os cales, amablemente e de maneira moi cordial, explicaron que comprendían a súa angustia,pero que era unha cuestión empresarial, de números, é dicir, de cartos. A empresa toma esa decisión sen ter en conta o dano que pode chegar a infrinxir, porque nos seus balances, o despido de ducias de operarios e o empobrecemento dun pobo, non teñen cabida.
É o que hai