Enduro, procesións, concertos e unha gran alfombra floral: arrancan as patronais en Burela

AMariñaXa
Serán en total 12 días de actividades, que comezan co Día da Baixada da Vila do Medio, entre as que haberá diversas exhibicións deportivas, concertos, karaokes e a inauguración do alumeado festivo
patronais_burela
Presentación da cita
24 Maio 2024

Burela celebrará, dende este venres 24 de maio e ata o 4 de xuño, as súas Festas Patronais na honra da Virxe do Carme e Xoán Bautista. Poderase gozar dunha ampla programación chea de novidades, “na que a nova Comisión de Festas se esforzou ao máximo, intentando dar o mellor para a súa vila”, asegura a alcaldesa Carmela López. O Enduro Monte Castelo Burela únese á programación para facer as festas aínda máis atractivas nesta primeira fin de semana. “Dende o Concello agardamos que estas festas sexan todo un éxito, desfrutado por igual por veciñanza e visitantes”, engade López.

Serán en total 12 días de actividades, que comezan co Día da Baixada da Vila do Medio. Ás 21.00 haberá misa e procesión dende a igrexa da Vila do Medio acompañada da Banda de Gaitas Dambara e inaugurarase o alumeado festivo. Trátase dunha iluminación decorativa especial, “na rúa Eijo Garay, pola que discorre parte da alfombra floral, para rematar nunha espectacular portada personalizada á entrada do porto”, destaca a concelleira de Festas, Patricia Eijo.

A alfombra floral lévase facendo desde hai 31 anos por parte dos veciños e veciñas de Burela, e que lucirá no transcurso da procesión do sábado que estará dedicada ao centenario da Confraría.  O 25 de maio será a quenda do comezo do Enduro Monte Castelo e do tradicional Pregón, que terá lugar ás 20.00 no auditorio da Casa da Cultura. A continuación, na Praza do Concello actuará o grupo Pantera Rosa. O 26 continuará o Enduro Monte Castelo, e celebrarase o Día Infantil, cunha festa a partir das 17.00 na praza da Mariña.

Nos días seguintes haberá diversas exhibicións deportivas, concertos, karaokes e moitas actividades máis. Os días grandes comezarán o 1 de xuño co Día da Baixada ao Porto. Haberá pasacalles e concertos dende as 12.00 ata a noite, verbena e cun espectáculo pirotécnico. A misa e a procesión serán a partir das 21.00 na igrexa de Santa María.

O 2 de xuño, Día da Procesión Marítima, a misa seguida de procesión terá lugar ás 12.00, e tamén haberá pasacalles e concertos ao longo de todo o día. O 3 de xuño ás 12.00 será a procesión de subida das imaxes ata a igrexa de Santa María, seguida posteriormente de sesión vermú e verbena, e o 4 de xuño será a ofrenda floral en homenaxe ás persoas que faleceron no mar, no porto ás 12.00. “Como novidade teremos un punto violeta e un servizo de información móbil de prevención de conductas aditivas”, subliña a concelleira de Festas. Ademais, están a traballar para presentar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, de feito que se recoñeza o prestixio das patronais.

0.19729995727539