En Marea insta á Xunta a aportar medios para recuperar as zonas afectadas polas riadas de Viveiro
En Marea insta ao goberno galego a colaborar de xeito activo na recuperación das zonas afectadas polas riadas que, no mes de novembro, asolaron a zona da Xunqueira, en Viveiro. A formación considera necesario que a Xunta achegue medios para esa fin; e pide ademais que a administración autonómica aporte documentación detallada dos traballos previos que, supuestamente, Augas de Galicia realizou na zona desbordada para evitar o risco de inundacións.
En Marea quere saber en que consistiron exactamente as tarefas preventivas que Augas de Galicia realizou na contorna dos ríos Fontecova e Ponte Labrada para evitar o risco de desbordamentos. Uns traballos que, logo das riadas rexistradas no pasado mes de novembro, o goberno galego asegurou ter efectuado; eludindo así calquera posible responsabilidade nuns acontecementos que provocaron a morte dunha veciña de Viveiro e causaron ademais danos materiais en numerosas vivendas e edificacións.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda sinalou logo do desbordamento das nomeadas cauces fluviais que en setembro os técnicos da Xunta tiñan comprobado que na zona “non había obstáculos, senón herbáceas”. Asemade, a Xunta aportou por toda explicación as cuantiosas choivas caídas entre os días 18 e 19 de novembro. Porén, o goberno galego aínda non ten achegado documentación algunha sobre os traballos que di ter realizado. E a realidade é que, logo do acontecido, foi o Concello de Viveiro quen efectuou a dragaxe e limpeza da contorna dos ríos desbordados para evitar novas inundacións.
O deficitario estado de limpeza e mantemento da zona desbordada xa provocou a dimisión dunha concelleira do Partido Popular de Viveiro, e foron numerosas as voces que alertaron de que o acontecido podía terse evitado de terse atopado a contorna destes ríos libre de obstáculos.
"O que aconteceu en Viviero ten evidenciado que é necesario actuar e incrementar as tarefas e mecanismos de prevención. Hai que facer máis de agora en diante. Viveiro está catalogada como zona con risco potencial de inundacións, por iso o Concello solicitou a Augas de Galicia que revisara a limpara a zona asolagada. Detectamos unha eiva, porque existía alerta e a Consellería decidiu que non había que facer ningún tipo de actuación", denuncia o deputado Marcos Cal.
Así as cousas, para En Marea "parece evidente que houbo un desaxuste e que non se actuou como era preciso. Non pode ser que o Concello e a veciñanza visen un risco, alertasen sobre el e quen tiña que actuar non implementase ningún tipo de medidas que, en vista do acontecido, si eran precisas e probablemente terían evitado a gravidade do asolagamento producido", indica Cal; que denuncia ademais que "falta investimento, faltan recursos e falta unha intervención seria por parte da Xunta de Galicia para atender e evitar este tipo de riscos". Nesa liña, o deputado de En Marea lembra que o informe sobre áreas con risco de inundación en Galicia xa inclúe 200 lugares. "Non pode ser que a Xunta se cruce de brazos e se limite a pedir resignación ás veciñas e veciños que padecen risco de inundación", afirma Marcos Cal.
Todo apunta a que a formación dunha presa formada por árbores e restos vexetais agravou as consecuencias das tormentas que deixaron sobre Viveiro intensas choivas, sobre todo entre as nove e as once da noite, acumulándose o domingo un total de 80,7 litros por metro cadrado segundo os rexistros da estación de Penedo do Galo en Viveiro. De feito, a Xunta estima que en 15 minutos caeron 30 litros por metro cadrado. Así as cousas, En Marea pide ao goberno galero que explique con detalle que traballos tiña realizado Augas de Galicia recentemente na zona; e quere saber o que sinalaban os informes dispoñibles sobre o estado dos ríos de Viveiro, así como o momento no que estes foron efectuados. O asunto foi abordado este xoves na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia, onde a formación preguntou tamén sobre os mecanismos empregados polo goberno galego para coñecer os riscos de desbordamento.