En Marea denuncia o colapso dos xulgados de Viveiro

AMariñaXa
28 Dec 2018



En Marea denuncia o colapso que padecen os xulgados de Viveiro e a discriminación á que a Xunta os ten sometido ao excluílos, igual que aos das demais vilas de Galicia, do Plan de Recuperación ideado para a xustiza despois da última folga. O voceiro da formación denuncia o desleixo do goberno galego e a súa falla de compromiso coa situación e as necesidades reais; e reclama que o goberno galego remate dunha vez por todas coa discriminación á que ven sometendo á comarca da Mariña lucense, tamén no eido xudicial. 


En Marea denuncia a actitude do goberno galego e a diferenciación entre cidadanía de primeira e de segunda que supoñen as medidas para a recuperación da xustiza adoptadas despois da última folga. Para a formación resulta inaceptable que estas se centren unicamente nas cidades, deixando de lado aos xulgados de vilas como a de Viveiro. 


Os xulgados de Viveiro padecen un retraso superior aos 18 meses, consecuencia do elevado seguimento da última folga, pero tamén da situación de colapso estrutural que xa padecían previamente e que foi, precisamente, o que motivou as protestas. Unha situación que se ten volto insostible logo da acumulación de traballo derivada dos catro meses de paro. 


As protestas impulsadas nos últimos meses polos traballadores xudiciais de Viveiro levaron ao goberno galego a aceptar a posta en marcha de medidas extraordinarias para esta vila. Porén, trátase dun parche que para nada soluciona as necesidades reais. E é que, tal e como destaca o voceiro de En Marea, "ao longo dos catro meses de folga Viveiro perdeu aproximadamente mil horas de traballo. Logo das denuncias do persoal propóñense 20 horas no plan de reforzo, o que suporía tardar tres anos en recuperar o volume de traballo pendente". Nese senso, Villares lembra que para cumprir coa recuperación do 80% das horas de traballo perdidas que establece o plan sería necesario implementar, no caso de Viveiro, un total de 800 horas. Cifra moi afastada das 20 propostas. 


Luís Villares pon o foco no especialmente preocupante que os retrasos resultan para os procesos relacionados con violencia de xénero. E é que, tal e como destaca o voceiro de En Marea, existen medidas civís derivadas deses casos, que se ven afectadas polo nomeado colapso. "Obviar ese feito significa non atender a tempo esas denuncias, algo inaceptable, polo que é necesario dispór os medios materiais precisos".


Así as cousas, En Marea reclama que o Plan de Recuperación para a Xustiza inclúa a Viveiro, así como ao resto de comarcas de Galicia. E esixe unha "aposta real pola igualdade" que se traduza na posta a disposición dos medios materiais necesarios   para a loita contra a violencia de xénero. 

0.10724496841431