En marcha unha nova campaña arqueolóxica no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia
O equipo técnico liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio centrarase en sondar o perfil transversal do buque para continuar cos estudos iniciados en 2018.
En marcha unha nova campaña arqueolóxica no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia, en Ribadeo, para dar continuidade aos estudos iniciados en 2018 e avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI en colaboración co Institute of Nautical Archeology de Texas.
Nesta ocasión, está previsto levar a cabo, durante case tres semanas, unha intervención na parte central do buque e sondar o perfil transversal da embarcación para continuar co estudo da disposición da quilla e da carlinga. Ademais, o equipo técnico liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio tamén establecerá un modelo comparativo para seguir á hora de avaliar a evolución da arquitectura naval da época e asentar os mecanismos que permitan monitorizar a evolución do xacemento.
Ademais, o proxecto, que conta tamén coa participación da Unidade de Buceo da Armada, complétase co estudo dun novo pecio localizado nunha intervención levada a cabo o pasado ano, así como na ampliación do coñecemento de outros aspectos vinculados á dinámica portuaria a cultura asociada a este porto histórico.
GRUPO INTERNACIONAL DE ESPECIALISTAS
O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a achegar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia impulsou campañas arqueolóxicas nos anos 2018, 2019 e 2020 coa colaboración dun equipo internacional entre os que, ademais de especialistas da Unidade de Buceo da Armada Española e do Instituto of Nautical Archeology de Texas, destacan expertos do CSIC, da University of Wales Trinity Saint David, do Maritime Archaelogy ou doutras institucións como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, a Real Liga Naval Española ou o Real Club Náutico de Ribadeo.
Na última destas campañas constatouse que se conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor e se localizou unha cureña naval, un elemento novidoso en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, así como unha gran cantidade de munición de pedra e ferro.
RESULTADOS DAS CAMPAÑAS ANTERIORES
As campañas dos anos 2018 e 2019 consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas para caracterizar o pecio, concluíndose a existencia dunha grande cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueolóxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante. Ademais, recuperáronse algúns dos obxectos e xeorreferenciouse e caracterizouse un pecio próximo, sito ao noroeste do galeón.
Ata o ano 2018, as diferentes actuacións levadas a cabo neste xacemento consistiron na toma de datos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Aínda que ambas tarefas resultaron relevantes para o coñecemento científico do xacemento, na actualidade está a traballarse nun estudo integral do pecio. Unha tarefa que está a permitir afondar no coñecemento do estado de conservación e o alcance da estrutura, así como realizar actuacións complementarias para ampliar os traballos de rexistro e documentación dos restos visibles.
O GALEÓN
O galeón Santiago de Galiza, un barco da Real Armada de Filipe II, arribou a Ribadeo en mal estado acompañado de dúas urcas. Afundiuse o 13 de novembro de 1597 e a tripulación foi auxiliada e acollida por ribadenses. Trátase do galeón mellor conservado das augas territoriais españolas e un dos máis avanzados de finais do século XVI en técnica construtiva.