En marcha un curso preparatorio para os exames de Competencias Clave de Nivel 2 en Ribadeo
O Concello de Ribadeo, a través da Área de Desenvolvemento Local, pon novamente en marcha un curso preparatorio para os exames de Competencias Clave de Nivel 2, que se celebrarán no recinto reiral de Silleda o próximo mes de maio.
O edil ribadense Pablo Vizoso dixo que “as materias a impartir serán as de Competencia matemática Nivel 2, Comunicación en Lingua Castelá Nivel 2 e Comunicación en Lingua Galega Nivel 2”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “esta acción formativa, que impartirá o Concello con cargo a fondos propios, vai dirixida ás persoas que estean matriculadas nas materias anteriores para os exames do 20 de maio”. No caso de que non se cubriran as prazas dispoñibles poderían inscribirse todas aquelas persoas que desexen xa iniciar a preparación para as próximas probas, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocará previsiblemente no ano 2024.
Vizoso Galdo manifestou que “é frecuente que dende a Área de Desenvolvemento Local se detecte a necesidade de formación en Competencias Clave, debido a que a maior parte desta formación para o emprego se estrutura en Certificados de Profesionalidade, na súa maioría de Nivel 2. Para o acceso a este nivel é preciso contar cunha formación mínima de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente”.
O concelleiro ribadense manifestou que “impartir esta formación en Competencias Clave pode contribuír considerablemente na mellora do acceso á formación ocupacional e ao emprego das persoas desempregadas do Concello de Ribadeo que non teñen os estudos requiridos ou non puideron homologar a súa formación”.
E engadiu que “a inscrición para participar neste curso preparatorio estará aberta ata o 11 de abril. Para inscribirse é necesario acudir ás oficinas do Concello e cubrir o impreso de solicitude que se facilitará nas dependencias municipais. Nestes cursos preparatorios poderán participar as persoas residentes en Ribadeo e que estean matriculadas nas materias anteriores para os exames a celebrar neste ano 2023. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición. As clases impartiranse nas aulas do Concello de Ribadeo, do 12 de abril ao 19 de maio, en horario de 10 a 13 horas. As persoas interesadas en obter máis información poden poñerse en contacto con este servizo a través do teléfono 982 128 650 ou do correo electrónico orientacionlaboral@ribadeo.org”.