En marcha o programa de dinamización cultural do rural galego, Mariña Inmaterial

AMariñaXa
O programa de dinamización cultural do rural galego Mariña Inmaterial distribuirá a súa programación entre o 28 de xuño e o 28 de xullo
marinha_inmaterial_2023_2
23 Xuño 2023

O programa de dinamización cultural do rural galego Mariña Inmaterial distribuirá a súa programación entre o 28 de xuño e o 28 de xullo polos municipios de Trabada, Xove, Barreiros, Alfoz, Valadouro e Cervo.

A posta en marcha do proxecto para a recuperación da memoria e das lendas de seis concellos lucenses a través de Territorio Cultura, é unha das 15 iniciativas apoiadas mediante unha liña de axudas, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a destinar preto de 1,3 millóns de euros.

En Mariña Inmaterial conflúen os principais valores que defende a filosofía de Territorio Cultura, programa que procura reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar “un tecido sólido” máis aló dos grandes núcleos urbanos. Subliñan que desde o Executivo galego se impulsa a cultura como “motor de revitalización do rural” a través de iniciativas como esta liña de subvencións, que se desenvolve ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos fondos Next Generation EU.

Orientación científica

A programación proposta por Mariña Inmaterial pivota ao redor do traballo de recollida e análise do antropólogo Rafa Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega e vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural. Este experto desenvolveu nos últimos meses unha investigación sobre o acervo cultural inmaterial, da memoria dos maiores e do amplo corpus de lendas da comarca lucense da Mariña.

As conclusións do seu esforzo científico daranse a coñecer nunha serie de eventos que se desenvolverán en espazos singulares da zona. Cada unha das citas que se levarán a cabo presentaranse en formato de conferencias —impartidas polo propio Quintía— seguida dunha acción artística ou espectáculo.

O cartel de Mariña Inmaterial arrincará o 28 de xuño na Punta do Castro, no municipio de Barreiros. Alí, Quintía debullará as claves das fábulas e a actuación posterior correrá a cargo de Ton Arenas, da compañía de monicreques Mircromina. Dous días despois, o venres 30, a capela de Santa Filomena do Cadramón, situada no Valadouro, acollerá unha sesión sobre ritos de fertilidade, amenizada pola música de Cello&Electronics.

Xa en xullo, a terceira cita desenvolverase o día 26 no marco da Pena Verde, en Trabada. Esta contorna natural dará acubillo a unha conferencia sobre megalitismo, á que lle seguirá unha actuación de danza contemporánea da man de Rut Balbís e Verónica Moar. O programa continuará ao día seguinte, o 27 de xullo, nas ruínas de San Tirso de Portocelo, en Xove. A charla abordará a Barca de Pedra e o dúo BellónMaceiras porá a nota musical. O programa culminará o 28 de xullo na capela antiga de Santa Eufemia de Trasbar. Nesta pequena igrexa do municipio de Cervo tratarase o mito cristián e contarase cunha videocreación asinada pola artista Sabela Eiriz.

Mariña Inmaterial inclúe tamén o desenvolvemento de obradoiros a partir de contidos extraídos da memoria dos maiores da zona e a publicación dun libro que recollerá as investigacións realizadas.

marinha_inmaterial cartel 2023
0.20391392707825