En marcha as Xornadas Técnicas de Expomar do 2022

AMariñaXa
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que organiza a Fundación Expomar, terán lugar os días 19 e 20 de maio.
stand expomar burela
31 Dec 2021

O padroado da Fundación Expomar mantivo un encontro nas últimas horas co obxectivo de aprobar o plan de actuación para 2022. As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial terán lugar os días 19 e 20 de maio, segundo deu a coñecer o alcalde de Burela, Alfredo Llano.  A Fundación Expomar, que contará cun orzamento de 80.000 euros en 2022, tentará recuperar a celebración de Produart (feira de produtos artesanais e ecolóxicos). 

Llano contou que “onte tivemos unha reunión ordinaria do Padroado da Fundación Expomar para aprobar o plan de actuacións para o próximo ano. Para o 2022 non toca facer a feira exposición, pero si as xornadas técnicas e o encontro empresarial, que fixamos en principio para os días 19 e 20 de maio. O 19 serían as xornadas técnicas, que, segundo as necesidades e os temas que queiramos tratar, poderán ser pola mañá e pola tarde. E o día 20 temos previsto facer o encontro empresarial, que é fundamental para o sector náutico pesqueiro porque sempre se sacan conclusións importantes”. 

O presidente da Fundación Expomar explicou que “tamén acordamos intentar facer unha nova edición de Produart, que é a feira de produtos artesanais e ecolóxicos. Levamos moito tempo sen organizala e era moi importante e ademais coincidía coa Feira do Bonito e complementábanse perfectamente. Consideramos que hai que recuperala e queremos darlle unha nova dimensión, moito máis profesional, ecolóxica, diversa e atractiva. De feito xa estivemos durante este ano falando con moita xente para que asista o ano que vén á nova edición de Produart”. 

Alfredo Llano sinalou que “ademais comentamos que tiveron moi boa aceptación actividades que fixemos este ano a través de Expomar, como foi a última conferencia sobre nutrición e as bondades dos produtos do mar, que foi moi interesante e asistiu moita xente. Queremos seguir nesa liña e xa temos pensado facer mente sana in corpore sano aproveitando os produtos do mar”. 

E engadiu que “tamén acordamos un orzamento duns 80.000 euros para este ano que vén. A Fundación Expomar sempre está atenta a procurar axudar o máximo posible a difundir e a promover o sector náutico pesqueiro e queremos que sexa tamén unha boa plataforma para formar a nivel de centros educativos, asociacións e público en xeral sobre moitos temas relacionados coa pesca, que é un sector importantísimo e queremos que se manteña e que teña garantía de futuro”.

0.14588093757629