En marcha as obras de rehabilitación da antiga escola de Valboa para convertela en vivenda social

AMariñaXa
O proxecto conta cun investimento de máis de 52.000 euros e forma parte da estratexia municipal de recuperación das antigas escolas
Trabada-obras-vivenda-social-Valboa-2025
4 Sep 2025

O Concello de Trabada está a executar as obras de reforma da vivenda situada na antiga escola de mestres da parroquia de Valboa. A intervención supón un investimento total que supera os 52.000 euros, dos que máis de 43.000 proceden dunha subvención e arredor de 10.000 serán achegados con fondos propios municipais.

O obxectivo do executivo local é que a vivenda poida estar lista para ser habitada antes de que finalice o ano, dando continuidade á estratexia de recuperar e dar un novo uso social aos inmobles das antigas escolas das parroquias.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos avanzando no proxecto de rehabilitar as antigas escolas municipais e transformalas en vivendas sociais. Xa logramos dar uso ás de Trabadela, Sante, Vidal e Vilapercide, e agora é a quenda de Valboa, onde esperamos que unha nova familia poida instalarse antes de rematar o ano”.

O rexedor incidiu en que “estas actuacións son unha resposta directa á problemática da vivenda e contribúen a fixar poboación no noso concello, ofrecendo solucións habitacionais dignas, accesibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza”.

Este proxecto insírese no compromiso do Concello de aproveitar edificios en desuso e transformalos en recursos de utilidade social, contribuíndo a mellorar a calidade de vida no ámbito rural.

⚙ Configurar cookies
0.16213488578796