En exposición pública, o proxecto de retranqueo do paseo de Arealonga en Fazouro

Foz
AMariñaXa
As obras contan cun investimento de máis de 300.000 euros e un prazo de execución de seis meses e foron publicadas hoxe no BOE
praia-arealonga-fazouro-obras-goberno
21 Oct 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, salientou “o compromiso firme do Goberno coa recuperación e protección sostible do noso litoral e coa seguridade das persoas que viven e desfrutan da costa lucense”, tras a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do anuncio de información pública do proxecto de retranqueo do paseo de Arealonga, na parroquia de Fazouro (Foz).

A actuación, promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Servizo Provincial de Costas, permitirá corrixir os desprendementos rexistrados nos últimos anos nesta zona, afectados pola erosión mariña e os temporais. O proxecto, cun orzamento de 300.965 euros, prevé a execución dun novo trazado de 450 metros de lonxitude, aproveitando parte da antiga N-642 e viais municipais, sen necesidade de expropiación de terreos. O prazo estimado de execución é de seis meses.

O proxecto sométese agora a información pública durante vinte días hábiles, período no que calquera persoa ou entidade poderá consultar a documentación nas dependencias de Costas en Lugo e Foz, no Concello de Foz ou na web do Ministerio.

Olimpia López subliñou que “esta actuación é un paso decisivo para garantir a estabilidade do terreo e preservar un espazo de gran valor ambiental e patrimonial, moi próximo ao Castro de Fazouro, onde se coidará especialmente a integración paisaxística”.

A subdelegada explicou que os desprendementos afectaron ao paseo de Arealonga e tamén á contorna de Cangas de Foz, “dúas zonas que están a menos de 4 km de distancia, polo que foi necesario dividir as actuacións en dúas fases”. Nas próximas semanas, Costas iniciará os trámites correspondentes para a segunda fase do proxecto, que abordará o retranqueo do paseo de Cangas de Foz. “Trátase dun plan integral que responde a unha demanda veciñal e institucional e que demostra que o Goberno de España está actuando fronte á regresión costeira coa seriedade e os medios que este desafío require”, apuntou.

A subdelegada incidiu en que o Goberno leva investidos máis de 5,5 millóns de euros en actuacións impulsadas por Costas na provincia de Lugo nos últimos anos, un esforzo continuado que reflicte “o compromiso coa protección, recuperación e posta en valor do noso litoral”.

⚙ Configurar cookies
0.068954944610596