En exposición pública o proxecto de reconstrución de dúas pontes en Riotorto

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico fixo público, a través do Boletín Oficial do Estado do 22 de abril, o anuncio de información pública do expediente A/27/24564, relativo á autorización de obras en dominio público hidráulico e na súa zona de policía, no termo municipal de Riotorto.
O Concello de Riotorto promove a execución das actuacións recollidas no documento técnico titulado Proxecto de ensanche e mellora da seguridade e da contorna en dúas pontes de vías municipais en Riotorto, que afecta ás marxes e dominio público hidráulico do rego do Machín e do río de Ferreiravella.
As obras proxectadas inclúen a reconstrución de dúas pontes, situadas en Ferrería de Abaixo (sobre o rego do Machín) e en Carboeiro (sobre o río de Ferreiravella), e consisten principalmente na ampliación dos estribos, con execución de cimentación mediante zapata e muro de formigón armado; a construción do taboleiro sobre dúas vigas tamén de formigón armado, e a pavimentación da vía e instalación de barandas de seguridade.
Este anuncio faise público co fin de que, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no BOE, calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións que considere oportunas.
O expediente estará dispoñible durante ese prazo no portal web da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, na sección Informacións públicas e outros anuncios (http://www.chcantabrico.es), así como nas oficinas do organismo para consulta presencial.