En decembro rematan os roteiros de A Mariña en Ruta

TerraChaXa | AMariñaXa
En decembro rematan os roteiros de A Mariña en Ruta programadas para este outono, unha iniciativa da Mancomunidade
117122698_4926540124038962_206693980806869783_n
30 Nov 2020

En decembro rematan os roteiros de A Mariña en Ruta programadas para este outono, unha iniciativa que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense puxo en marcha co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo e que coordina a empresa de ecoturismo Maremasma. O ente propón descubrir a arqueoloxía e a xeoloxía mais descoñecida da comarca a través de dúas propostas, coma sempre, da man de guías e axentes locais. Unha discorrerá por Xove e a outra por Ourol.

Desde a Mancomunidade explican que “debido ao Covid19 e ás restricións existentes para a organización deste tipo de actividades as prazas dispoñibles tiveron que verse reducidas a 5 persoas mais o guía. Ademais do uso obrigatorio de máscara e da pertinente distancia de seguridade”.

O vindeiro sábado, 5 de decembro, terá lugar unha andaina pola paisaxe cultural de Portocelo, en Xove, que será guiada por David Fernández. Os asistentes percorrerán a través dunha ruta circular o contorno costeiro de Portocelo. Nesta zona de alto valor paisaxístico, poñerase atención ao patrimonio cultural da contorna, falando de lendas, historia e arqueoloxía. Durante o roteiro interpretativo visitarán os xacementos de Monte Castelo e San Tirso de Portocelo, este último recentemente escavado e do que lles falarán máis de vagar da súa historia. A ruta dará comezo ás 10 da mañá con saída da praia de Portocelo. Recoméndase levar roupa axeitada á meteoroloxía e calzado cómodo e auga. E pódense levar prismáticos e bastóns de monte.

Por Ourol discorrerá o 12 de decembro a ollada ás rochas que viron nacer Galicia e que guiará Francisco Canosa. Na zona de Ourol atópanse varios lugares cun salientable patrimonio xeolóxico, coma poden ser a presenza das rochas máis antigas de Galicia ou unha das fallas máis importantes da Península Ibérica, a falla de Viveiro. Todo isto permite coñecer moito mellor o pasado xeolóxico de Galicia e que grandes acontecementos se produciron dende entón. A saída será ás 10:30 desde o Concello de Ourol. É obrigatorio levar chaleco reflector, roupa axeitada á meteoroloxía e calzado cómodo ademais de auga. Tamén se poden levar bastóns de monte.

Toda a información sobre as rutas, a súa duración, as características, etc… están na páxina web do proxecto enruta.amarinalucense.gal e a través das redes sociais de Turismo da Mancomunidade: @amarinalucense.turismo; @visitamarinalucense e @amarina_turismo.

Por outra banda, o presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto, e a axente de Desenvolvemento Turístico, Tania Hermida, participaron este venres nunha mesa temática organizada polo Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) xunto a outros xeodestinos de Galicia para a obtención de información que poda ser relevante de cara a elaboración do "Plan Director do Turismo de Galicia fronte aos efectos da Covid-19".

0.13732099533081