En breve rematarán as obras de instalación de mobiliario no Monte Castelo
En breve rematarán as obras de instalación de mobiliario no Monte Castelo, onde tamén se plantan árbores autóctonas. Estes traballos fanse con cargo a unha subvención de 30.000 euros recibida polo Concello de Burela.
O rexedor dixo que “derivado dunha subvención duns 30.000 euros que acadamos no Concello de Burela estase a renovar parte do mobiliario urbano na área recreativa de Monte Castelo”.
Llano indicou que “esta subvención é para destinala a lugares turísticos e aproveitamos para usala tamén en mellorar o medio ambiente. Por tanto para que a xente teña unha motivación para ir ao monte Castelo e observar a extraordinaria vista que hai desde alí vamos colocar información na zona onde está o telescopio panorámico e ordenar todo aquilo. Incluso vamos poñer unha especie de pedestal para que os nenos pequenos poidan subirse e usar o telescopio. Tamén instalamos mesas e bancos novos para sentarse a merendar ou simplemente a falar. Ademais imos plantar árbores autóctonas de interese botánico”.
O alcalde de Burela seguiu a relatar que “nun muíño que había en Cinoche, na Vila do Medio, vamos colocar un cartel informativo no que se verá como era e como funcionaba este muíño”.
Para Alfredo Llano “todo isto que estamos a facer motiva un turismo explicitamente favorable a percorrer rutas de sendeirismo ao mesmo tempo que ve cuestións etnográficas importantes e na área recreativa de Monte Castelo poden sentarse a xantar no mobiliario que se está colocando. Tamén se están facendo unha serie de valados de madeira, que quedan perfectamente integrados na paisaxe e ofrecen seguridade e unha estética extraordinaria”.
E engadiu: “en pouco tempo culminaranse xa estas obras. Animamos aos veciños e ás veciñas de Burela a que suban cando poidan e para os de fóra vai ser unha motivación máis para visitar o noso concello”.