Empresas da Mariña animan ao alumnado de FP a construír o seu futuro laboral na comarca

Hai uns días botou a andar no CIFP Porta da Auga, en Ribadeo, a segunda edición do ciclo de charlas impulsado pola FCAM sobre o futuro laboral na Mariña lucense. A iniciativa está dirixida ao alumnado de Formación Profesional e busca trasladar unha mensaxe clara: nesta comarca existen oportunidades reais de emprego, demanda de man de obra cualificada e tamén espazo para emprender proxectos propios.
O salón de actos do centro rexistrou un cheo absoluto para escoitar as intervencións de Iván Marrube e Roberto Ramos, CEOs das empresas Reyco e BeOne, que compartiron cos estudantes as súas traxectorias profesionais e a súa visión do tecido económico mariñán. Ambos coincidiron en salientar as potencialidades da comarca, asegurando que os empregos e os salarios que se poden atopar na Mariña non difiren dos das grandes cidades, cun valor engadido difícil de igualar: a calidade de vida.
Durante a súa intervención, Marrube lanzou unha mensaxe directa ao alumnado, animándoo a “soñar en grande e traballar duro” para acadar os obxectivos profesionais. Defendeu que “a mente non ten cancelas” e que é preferible a acción á simple percepción das dificultades. Pola súa banda, Ramos puxo o foco nas posibilidades de emprender en Ribadeo e na Mariña, destacando conceptos como comunidade, confianza, identidade ou apoio mutuo fronte a contornas máis impersonais como grandes cidades españolas ou europeas. “Aquí, se fas ben as cousas, recoméndante, apóiante e valórante”, subliñou.
A esta primeira charla asistiu tamén a subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, Cristina Lesta, amosando así o respaldo institucional á iniciativa.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, agradeceu a acollida do CIFP Porta da Auga, do seu director, Isidro Berdeal, e de todo o equipo docente, por facilitar este encontro co alumnado. Cruzado destacou que o obxectivo do ciclo é achegar aos estudantes a realidade laboral da comarca e lembrarlles que moitas empresas están á espera de profesionais formados. Ademais, avanzou que o programa continuará ao longo do curso por outros centros da Mariña, como xa ocorreu o ano pasado en localidades como Foz, Burela, Viveiro ou San Cibrao, e que en 2026 chegará a novas vilas.
Finalmente, a presidenta da FCAM tamén expresou o seu agradecemento á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional polo apoio loxístico ao proxecto, así como á colaboración económica de Reyco e BeOne, empresas que participan neste segundo ciclo de charlas. Unha implicación que, segundo indicou, resulta clave para seguir traballando de maneira conxunta polo futuro laboral da Mariña.