Empezan as obras de saneamento na parroquia cervense de San Román

AMariñaXa
Comezou esta semana a obra que levará o saneamento e renovará a a pavimentación en Santomé, na parroquia de San Román de Vilaestrofe.
saneamento san roman cervo
13 sep 2021

O alcalde, Alfonso Villares, e a tenente de Alcalde, Dolores García Caramés, fixeron unha visita á obra que comezou esta semana e que levará o saneamento e renovará a a pavimentación do núcleo de Santomé, na parroquia de San Román de Vilaestrofe.

O presuposto total da obra ascende a 46.728€, que son financiados polo Concello de Cervo na súa totalidade.

Os traballos, que se están a levar a cabo consisten “na creación da rede de saneamento de augas residuais e na renovación do pavimento nos tramos da vía afectados, mellorando as condicións de accesibilidade existentes nestes núcleos”.

Así, crearase unha nova rede de sumidoiros, renovaranse as acometidas domiciliarias, procederase a apertura de gabias e á instalación das correspondentes arquetas e pozos de saneamento e á execución de cunetas de formigón e á reposición, finalmente, do firme asfaltado.

Villares apuntou que se trata dunha obra de gran relevancia para todos os veciños e veciñas destes núcleos, “son obras que que ao mellor non se aprecian á vista de todos e todas, pero que son imprescindibles á hora de mellorar a calidade de vida dos cervenses, neste caso en beneficio daqueles que viven no rural, e para nós é primordial que as inversións cheguen a cada recuncho do noso municipio que o precise”.

0.18793296813965