Elixidas as tres mellores imaxes do IX Concurso do Día do Pai convocado por ACISA
Por el mismo patrón, de Alberto González, foi a foto elixida polo xurado como a mellor presentada ao IX Concurso do Día do Pai, que convocou Acisa a través de facebook. Obtivo un total de 39 puntos de valoración. O afortunado recibirá 150 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados. E Máis de tres xeracións nunha soa imaxe, de Paula Rubiera foi para o xurado a segunda mellor imaxe. Recibiu 30 puntos e levará 100 euros en vales de compra como agasallo.
Desde Acisa lembran que “estas dúas fotografías foron votadas polo xurado entre as 10 que recibiron máis me gustas no facebook. A decisión foi complicada, xa que entre a primeira e a quinta houbo só 8 votos de diferenza, proba da calidade das fotos”. A resolución do xurado, formado por membros da directiva de Acisa e por fotógrafos profesionais asociados como El Farero Audiovisuales e Foto Miguel, así como as votacións na app habilitada para a ocasión, poden ser consultadas en Acisa por calquera participante”.
E 359 votos en facebook obtivo a foto Descansando con papá, de Tatiana Pérez. O público decidiu así que esta é a mellor foto presentada ao Concurso do Día do Pai de Acisa. A afortunada recibirá 150 euros en vales de compra.
Os gañadores disporán de dous meses para gastar os seus premios nos establecementos asociados a Acisa. As tres imaxes estarán expostas en Foto Miguel ao longo dos vindeiros días.
Neste IX Concurso Fotográfico Día do Pai participaron 55 persoas, superándose así o récord do ano pasado e contabilizáronse máis de 3.700 votos. Desde Acisa subliñan que “arredor de 14.000 persoas viron ou interactuaron coa publicación do concurso, o que nos indica que viron todo o publicado polos nosos asociados ao longo deses días, do 6 ao 19 de marzo, reforzando así a importancia das nosas redes sociais como escaparate para os nosos socios”.