Elixen Trabada como lugar dende onde anunciar políticas de xestión sustentable do monte galego

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse en Trabada con membros da Sociedade Agraria de Transformación deste concello para coñecer os traballos que se levan a cabo na zona.
8 Sep 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse en Trabada con membros da Sociedade Agraria de Transformación deste concello para coñecer os traballos que se levan a cabo na zona. Alí, o conselleiro destacou a necesidade de impulsar unha xestión forestal sustentable, tanto dende o punto de vista económico como ambiental, por ser este un sector clave na economía galega. Na xuntanza tamén estivo presente o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan. 

Neste senso, José González salientou que Galicia lidera a silvicultura española, cunha superficie forestal de 2 millóns de hectáreas e un volume global de madeira de 192 millóns de metros cúbicos. “A produción de madeira é a principal achega económica do subsector forestal, seguido pola fabricación de mobles e de papel”, matizou o titular de Medio Rural. Un sector, engadiu, que conta con 600 empresas industriais e comercializadoras e 2.400 autónomos, o que proporciona arredor de 70.000 empregos entre directos e indirectos.

Ademais, o conselleiro sinalou que máis de 600.000 galegos son propietarios forestais ou comuneiros de montes veciñais en man común. Unhas cifras, subliñou, que evidencian o peso deste sector, pois producimos máis da metade da madeira nacional, sendo a nosa industria líder en exportación a nivel estatal.

 Neste sentido, tamén fixo fincapé nos máis de 80.000 propietarios forestais que teñen ingresos anuais polas cortas de madeira en Galicia. Isto tradúcese en que arredor do 12% das familias galegas perciben ingresos por valor duns 300 millóns de euros.

Precisamente a Sociedade Agraria de Transformación de Trabada foi a primeira concentración de montes privada de Galicia e propiciou que toda a parroquia de Trabada, a capitalidade do municipio, estea completamente ordenada. “Sodes un exemplo porque afondástedes na xestión forestal sustentable, profesional e con visión de futuro”, salientou o conselleiro, destacando as case dúas mil hectáreas de monte concentrado cunha potente actividade que serve de referencia para toda Galicia.

O conselleiro agradeceu o esforzo e traballo desta sociedade e avogou por seguir sumando esforzos e promovendo o asociacionismo e a agrupación forestal, co fin de acadar unha maior eficacia e eficiencia na xestión forestal que repercuta nunha maior rendibilidade social, económica e ambiental.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1798357963562