Elena Candia encabezará a lista electoral do PP e deixará a Alcaldía de Mondoñedo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
2 Mar 2020

Elena Candia López, ata o de agora alcaldesa de Mondoñedo, encabezará a lista do PP pola provincia de Lugo nas eleccións do 5 de abril o que supón que deixará a Alcaldía, tal e coma confirmou esta fin de semana. Candia seguirá formando parte do equipo de Goberno como concelleira, pero sen coñecer aínda que áreas asumirá.

Ao fronte da Alcaldía sucederalle Manuel Ángel Otero Legide, que era primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Persoal e Participación Cidadá.

O PP de Galicia anunciou os nomes cos que acudirá ás eleccións do 5 de abril como cabezas de listas. Pola provincia Pontevedra irá o presidente do partido e candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola lista da Coruña irá a actual conselleira de Medio Ambiente, Ángelez Vázquez; por Ourense a ata hai pouco delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira; e por Lugo, Elena Candia, a presidenta do PP provincial.

Candia iniciou a súa carreira política en 2003 como concelleira e en 2015 conseguiu ser a primeira muller presidenta da Deputación de Lugo. Actualmente é tamén presidenta do partido a nivel provincial desde 2016.

O nomeamento de Candia para liderar a lista do PP de Galicia pola provincia tamén obrigará a realizar cambios na Deputación, onde é voceira. Así, están á espera para decidir quen ocupará o seu asento no pazo de San Marcos.

Tras varios encontros soan nomes como Javier Jorge Castiñeira, exalcalde de Foz, José Antonio García, exalcalde de Sarria, Agustín Baamonde, exalcalde de Vilalba ou José Manuel Gómez, edil en Barreiros.

0.1612548828125