'El Oviedo' coróase como gañador do Ribadeo de Tapeo 2025 coa súa lura en salsa

A tapa "Lura en salsa" do restaurante El Oviedo foi elixida como a mellor do Ribadeo de Tapeo 2025 polo xurado profesional, que valorou a calidade, creatividade e sabor das propostas presentadas nesta XVIII edición do consolidado certame gastronómico ribadense.
O segundo premio foi para o Kalpa Amodiño, co seu orixinal "Chaat-Eo de millo", mentres que o terceiro posto recaeu no Ramonita, pola súa proposta de salmón marinado á laranxa con pementos e tapioca.
No apartado doce, tamén foi o Kalpa Amodiño quen se levou o recoñecemento á mellor sobremesa, grazas ao seu suxestivo "Re-poso de café", que conquistou o padal do xurado.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Marta Saiz, quixo destacar “a excelente acollida desta nova edición do Ribadeo de Tapeo, na que participaron 21 establecementos locais que puxeron en valor o seu talento culinario e contribuíron a dinamizar a vila entre o 10 e o 18 de maio”. Saiz agradeceu “a implicación e o esforzo dos hostaleiros, que ano tras ano fan deste evento un referente na Mariña”.
Aínda queda por coñecer o veredicto do público, que puido votar a través dos cartóns oficiais ou da app do Ribadeo de Tapeo. Tal e como indicou a edil, “nos vindeiros días darase a coñecer a tapa favorita da clientela, así como a data para a entrega dos premios aos gañadores, escollidos entre os que degustaron un mínimo de cinco tapas nalgunha das tres zonas establecidas”.