Efigenia Maseda será a candidata de VIA Alfoz nas vindeiras eleccións
Na última reunión da dirección executiva de VIA Alfoz elixiuse por unanimidade a Efigenia Maseda Paz como candidata á alcaldía para as vindeiras Eleccións Municipais do próximo 28 de maio. Efigenia Maseda releva no cargo a Xabier Pardiñas, quen fora candidato en 2015 pola agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz e en 2019, xa con VIA Alfoz, a causa dunha incompatibilidade por motivos profesionais.
Nacida en Alfoz, no barrio de Vilaúde, da parroquia de Mor, fai 58 anos, Efigenia Maseda é Licenciada en Filoloxía Clásica pola USC. Mirando cara atrás, desde o seu destino actual como funcionaria de carreira no IES Perdouro de Burela, e ata os seus comezos laborais como docente en academias da cidade de Lugo na década dos anos 90, hai toda unha vida de traballo en moi diferentes ámbitos e postos que a fan coñecedora da realidade e as necesidades do Concello de Alfoz.
Efigenia Maseda foi traballadora do Concello de Alfoz, exercendo, en diferentes etapas, como Educadora Familiar, Administrativa e Animadora Sociocultural. Ademais, xestionou por parte do concello a organización e coordinación do Mercado Medieval entre 2007 e 2009, evento co que continuou colaborando ata o ano 2018. Esta etapa, ademais do seu traballo no servicio postal de Correos, faina coñecedora, non só da veciñanza, senón tamén dos diferentes lugares do concello de Alfoz.
A nivel político, Efigenia Maseda é Presidenta de VIA Alfoz desde a súa fundación, posto no que foi ratificada na pasada Asemblea Xeral do 13 de novembro de 2022. Agora, asume o relevo natural de Xabier Pardiñas como candidata á alcaldía de Alfoz, tras substituílo como voceiro do Grupo Municipal de VIA Alfoz en 2021.
Con esta elección, comeza a conta atrás para as eleccións do vindeiro 28 de maio «cunha lista consensuada, cun proxecto renovado e innovador que pretende mellorar o benestar da veciñanza de Alfoz», indica Efigenia Maseda, quen estará acompañada na candidatura por Xabier Pardiñas, xunto con outros membros da actual Dirección Executiva e «moitas caras novas dispostas elixir o mellor para Alfoz» engade a candidata. A presentación da lista realizarase nun evento público o vindeiro 1 de maio.