Efigenia Maseda: “Gustaríanos facer proxectos que impliquen aos veciños”
Por Ana Somoza López.
A alfocega Efigenia Maseda nada no barrio de Vilaúde da parroquia de Mor, é Licenciada en Filoloxía Clásica pola USC. Mirando cara atrás, hai toda unha vida de traballo en moi diferentes ámbitos e postos que a fan coñecedora da realidade e as necesidades do Concello de Alfoz.
Sempre afirmou que VIA non apoiará a ningunha outra forza e así foi, e finalmente é a alcaldesa de Alfoz, como afronta este reto?
Afronto este reto con ilusión e con moitas ganas de que Alfoz mellore. Isto foi o que propuxemos desde o principio na nosa campaña electoral. A veciñanza deunos un mandato claro: falar, dialogar e antepoñer o futuro de Alfoz ao noso, porque ninguén nos obriga a estar en política, e así hai que entendelo.
Como se ve como alcaldesa?
Polo momento estou asentándome e acostumándome ao cargo. Intentando dar feito o día a día do concello e poñendo as primeiras pedras dos comezos dos proxectos que nos gustaría levar a cabo. Malia polo momento, repito, estamos co día a día, pois son moitos procedementos e hai cousas atascadas.
Para VIA Alfoz era importante conseguir este bastón de mando?
Para nós era importante darlle a Alfoz un Goberno estable e por iso non queríamos enganar aos nosos votantes, e desde o primeiro momento dixemos que ou contábamos coa Alcaldía ou nos quedabamos na oposición. Así, despois de tenderlle a man aos diferentes grupos políticos coas mesmas condicións, chegamos a esta posición. Foi o resultado dunhas negociacións en igualdade.
A súa experiencia como docente cre que lle servirá?
Claro que si. Tanto a min como aos meus compañeiros de Goberno, que tamén traballa en Educación e outra que é traballadora do sector eólico, creo que os nosos coñecementos nos servirán para comprender o funcionamento de moitas cousas así como saber tratar coa xente pois temos traballos cara o público.
Alfoz necesitaba cambios?
Eu creo que coma calquera vila necesita melloras, é dicir, senón se necesitasen non tería cabida a nosa presenza como políticos.
Algún en concreto?
O principal é que me gustaría manter todo o que temos e se podemos, melloralo. Polo momento iremos rematando proxectos comezados e que son beneficiosos para o municipio, e algúns outros que trataremos, dentro do posible, de modificalos porque poden ter outra interpretación. Pero son tarefas que iremos facendo pouco a pouco, por que acabamos de chegar. Pero gustaríanos facer proxectos que impliquen aos veciños e que eles se vexan involucrados na vida diaria do municipio.
Seguirá adiante cos proxectos do ex rexedor?
Continuaremos sempre e cando sexan beneficiosos para o municipio. E os que consideremos que se podan e deban ser modificados, pois así nolo transmitiron os veciños. Porque non todos son viables.
Cales son os seus proxectos para o municipio?
O noso programa está resumido en 50 propostas realistas, realizables e, sobre todo, necesarias para garantir o futuro do noso concello. Pero a grandes trazos queremos desenvolver urbanisticamente o concello, permitindo o asentamento de poboación e de industrias; baixar o IBI, coa intención de reducir o recibo da contribución.
Poñer ao día o mantemento do noso concello a través do programa de conservación que inclúe os edificios, rutas, camiños e estradas das 9 parroquias ou favorecer a conciliación familiar tendo en conta tanto aos máis maiores da casa como aos máis pequenos.
Alfoz conta cunha poboación envellecida.
Si, e hai que darlle servizos como o de axuda no fogar no que temos lista de agarda, e esta lista ten que desaparecer. Gustaríanos crear unha aula interxeracional para todas as idades partindo da base de que o centro de primaria e a vivenda comunitaria atópanse moi preto. Isto serviría de intercambio de experiencias.
Xa se sabe algo do Mercado Medieval?
Xa tivemos a primeira reunión do grupo e estamos dando os primeiros pasos. Partimos da base de que todos os que o estamos organizando temos unha certa experiencia. Esta cita será o 15 de xullo e polo momento podemos avanzar de que contará coa estrutura de programas anteriores aínda que evidentemente faltarán eventos por cuestión de loxística e axendas. Así, haberá unha actuación o venres á noite, a inauguración do Mercado será o sábado pola mañá acto no que participará o pregoeiro, e haberá torneo de cabalos, cetrería, etc. O noso obxectivo é intentar darlle un empurrón ao Mercado Medieval para que volva ser dos veciños e para os veciños sobre todo, e tamén para os visitantes.
VIA Alfoz é de corte progresista ou conservadora?
Nin un nin un outro. Como din as nosas siglas somos veciños independentes, e nos, na segunda convocatoria de eleccións nos transformamos en partido político. O noso fin é traballar por e para os veciños.