Efectos secundarios do tratamento do cancro sobre os pés

AMariñaXa
Por Yaiza Puente O cancro é un termo amplo que fai referencia a máis de 200 enfermidades, as cales todas teñen un denominador común: as células cancerosas teñen a capacidade de multiplicarse de forma descontrolada.
11 Feb 2020

Por Yaiza Puente

O cancro é un termo amplo que fai referencia a máis de 200 enfermidades, as cales todas teñen un denominador común: as células cancerosas teñen a capacidade de multiplicarse de forma descontrolada.

As células do noso corpo divídense de forma regular co fin de renovar as células envellecidas e así conseguir que os órganos funcionen de forma correcta.

Este proceso de división celular está regulado por uns mecanismos que controlan que esta división se faga de forma correcta. Cando estes sistemas de control se alteran nunha célula, ésta e as súas descendentes comezan a dividirse de forma descontrolada  ata que chegan a formar un tumor.

Cando as células que se dividen non teñen capacidade para invadir outros órganos, falamos de tumores benignos. En cambio, cando as células que medran sen control sofren alteracións severas poden adquirir o poder de invadir outros tecidos. Neste caso estamos a falar dun tumor maligno, coñecido co termo cancro.

Segundo a Sociedade Española de Oncoloxía Médica, a incidencia de cancro na poboación española está aumentando dende hai décadas debido ao aumento da esperanza de vida e a unha maior exposición a factores de risco coma o tabaco, o alcohol, a obesidade, o sedentarismo, a contaminación, determinadas infeccións, etc.

Este aumento da incidencia de cancro na poboación fixo que nos últimos 50 anos apareceran tratamentos máis efectivos para loitar contra esta enfermidade.

A quimioterapia e a radioterapia convertéronse nos pilares do tratamento de varios tipos de cancro. O seu uso permitiu o aumento da supervivencia dos pacientes con cancro.  A frecuencia de uso, as doses e o mecanismo de acción destes fármacos levou á aparición de algúns efectos adversos.

No ámbito podolóxico, un efecto adverso moi común é o síndrome man-pé ou eritrodistesia palmo-plantar.

A eritrodistesia palmo-plantar é unha reacción tóxica que aparece na pel das mans e dos pés entre o segundo e o décimosegundo día despois de recibir o tratamento. O fármaco afecta ao crecemento das células cutáneas e de pequenos vasos sanguíneos das mans e dos pés.  As alteracións máis frecuentes que poden provocar son anomalías nas unllas, sensación de ardor na planta dos pes, perda de sensibilidade nas dedas, dificultade para camiñar durante moito tempo, sensación de tirantez na pel,  gretas e sequidade, ampoias, helomas (callos) e hiperqueratoses (durezas).

Non todas as persoas con tratamento de quimioterapia sofren estas alteracións. A gravidade do síndrome man-pé pode variar en cada persoa, incluso tendo o mesmo tratamento e a mesma dose.

¿Como podemos reducir os síntomas do síndrome man-pé?

É importante seguir estes consellos: non usar auga moi quente para os baños xa que poderían exacerbar os síntomas. Débese evitar o uso de sustancias químicas abrasivas en xabóns e xeles de ducha; para o lavado corporal aconsellamos o uso de xeles syndet, tamén coñecidos coma “xabóns sen xabón” cuxo pH é menor que os dos xabóns normais. Se é necesario poden aplicarse toallas frías sobre os pés para calmar a sensación de ardor. Debemos evitar o calzado apertado. Non facer longas camiñatas ou exercicios vigorosos para evitar a formación de rozaduras ou flictenas. Algúns pacientes poden necesitar que o podólogo lle prescriba un  tipo de calzado específico así como plantillas personalizadas que distribúan as presións de forma adecuada no pé. Tamén é moi importante usar calcetíns de algodón 100% ou co sistema Coolmax®.

Ser constante na hidratación é un dos puntos máis determinantes para o manexo adecuado desta patoloxía. Débense usar produtos hidratantes que teñan unha consistencia máis líquida para que, ao estendela polos pés, non se produza  fricción. Aconséllase que sexan cremas que conteñan pantenol, pola súa capacidade para recuperar a barreira externa da pel e, ao mesmo tempo,  hidratala.

Segundo o Colexio de Podólogos de Galicia, o coidado dos pés pode ser extremadamente importante para previr a aparición e desenvolvemento de lesións, dor, infeccións e/ou deformidades durante todo o proceso de quimioterapia.

En caso de notar signos iniciais do síndrome man-pé ou se nota que empeoran é necesario que se poña en contacto co seu oncólogo para que poda regular a dose do tratamento se fora necesario. Ademais é importante que consulte ao seu podólogo xa que podemos axudar aumentando a súa calidade de vida mellorando as alteracións podolóxicas que sufra.

0.1296558380127