Eduardo Fernández, SEVA: “O noso aceno de identidade é a edición dos cadernos”
Por Ana Somoza López.
Qué é SEVA?
O Seminario de Estudos do Valadouro (Alfoz e O Valadouro) é unha entidade cultural, científica, divulgativa e de investigación, de carácter civil, que non ten ánimo de lucro, independente de todo credo relixioso e de toda filiación política, que ostenta personalidade xurídica propia.
Cantos membros son?
Somos 75 socios.
Recentemente mudou de directiva.
Si, o pasado 26 de febreiro celebrouse a asemblea xeral, durante a cal se votou unanimemente a composición da nova xunta directiva.
Quen forma parte da nova xunta?
Os novos cargos son Juan Luís Pisón Villapol como secretario, Marco Candiá como tesoureiro, Lionel Rexes e Xesús Pisón de vogais, e eu, Eduardo Fernández Galán como presidente. Tanto a anterior directiva como a nova afirmaron o seu compromiso de continuar colaborando para a dinamización cultural do Val do río Ouro.
Que obxectivos teñen?
Os obxetivos son recuperar, promover e divulgar os valores históricos, etnográficos, artísticos, ecolóxicos, económicos, científicos e culturais do territorio do Valadouro, Alfoz e outras terras incluídas no Val.
E proxectos de futuro?
Gustaríanos facer unha presentación e unha mostra sobre as 50 láminas de Pepe Blanco que estaban incluídas no último caderno. Esta será no Castelo de Castrodouro. Por outra banda, encantaríanos facer unha mesa redonda e invitar a cooperativas, arquitectos, enxeñeiros, etc, para falar do futuro do Val, pois cada vez perdemos máis poboación. Tamén estamos pensando en crear un concurso de narrativa entre os rapaces.
Contan con apoio municipal?
Agora mesmo temos unha subvención do Concello de Alfoz. Antes a Deputación aportaba para a impresión dos Cadernos. Temos que conseguir dotacións económicas que posibiliten a investigación, protección e divulgación da nos cultura.
Fan colaboracións con outras asociacións?
Este é un proxecto que nos gustaría. Tiven a idea de que regalar os Cadernos antigos, a outras asociacións relacionadas coa cultura, bibliotecas ou escolas.
Contan con local?
Un proxecto que temos en mente é o de contar cun local no casco urbano de Ferreira, pois agora mesmo estamos na antiga escola Adelán, que está moi ben, pero necesitamos un sitio máis visible e accesible, pois outro dos nosos obxectivos é ter unha biblioteca sobre todo o que se publicou sobre o concello do Valadouro e Alfoz e que calquer curioso, investigador ou veciño poida ter acceso.
Que actividades fan?
Desde a creación de SEVA en 2012 o noso aceno de identidade é a edición e distribución dos cadernos. No pasado organizamos festivais de cinema, concertos musicais, conferencias, exposicións…que tentaremos seguir producindo no futuro. Facemos cantas outras actividades lícitas sexan de conveniencia dos intereses comúns dos asociados.
Que son os Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro?
Os Cadernos son pequenas publicacións sobre prehistoria, lendas, Pardo de Cela, a apicultura ou calquera aspecto que teña que ver co noso val. Ata o de agora publicamos 12. O último, obra de Xosé Blanco, é sobre os ‘Ditos e refráns do Valadouro’, con magníficas ilustracións do autor.