Edmundo Maseda di que “saímos a gañar e a por unha ampla maioría que nos permita desenvolver o noso proxecto”

AMariñaXa
Edmundo Maseda di que “saímos a gañar e a por unha ampla maioría que nos permita gobernar e desenvolver o noso proxecto”
PSOE Mitin O Valadouro(1)
22 Maio 2023

O alcalde do Valadouro e candidato á reelección o vindeiro 28 de maio, Edmundo Maseda, presentou a súa candidatura e o seu programa electoral nun mitin con veciños e veciñas no Salón de Actos da Casa da Cultura Manuel Lourenzo. Un acto que contou coa presenza do Senador socialista e veciño desta localidade mariñá, César Mogo, e da Deputada socialista no Parlamento Galego Patricia Otero, entre outros alcaldes e alcaldesas da comarca, simpatizantes e cargos orgánicos da provincia.

Maseda amosouse ante os seus veciños e veciñas “con moitas ganas e ilusión” e admitiu que nestas eleccións “saímos a gañar e a por unha ampla maioría que nos permita gobernar e desenvolver o noso proxecto sen atrancos, foron 10 anos en minoría e non puidemos ser todo o áxiles que nos gustaría para sacar adiante as nosas políticas porque a oposición non colaborou”, afirmou ao tempo que alentou á veciñanza a ir votar e a implicarse para que “ao tempo que gaña o Partido Socialista, gañe tamén O Valadouro, porque a elección é doada: avanzar ou volver ás políticas do pasado”.

Un acto no que tamén se proxectaron vídeos de apoio ao socialista valadourense que enviaron a Ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, o Presidente da Deputación de Lugo e Secretario Xeral dos Socialistas na provincia de Lugo, José Tomé Roca e do Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.

Mogo foi crítico coa visita de Alfonso Rueda este sábado ao Valadouro, “non veu falar dos problemas ou das demandas dos veciños, senón que veu falar de Bildu, iso é o que respecta o Presidente da Xunta aos nosos veciños e veciñas, veu valerse da xente mediante enganos e mentiras”. Ademais, contou que Rueda foi interpelado na súa visita a Ferreira por unha doutora do Hospital da Mariña, “para contarlle o realidade da nosa sanidade, diso non puido escapar, porque lle detallou como está situación sanitaria da Mariña desmentindo a propaganda electoral do PP”. “Os socialistas vimos a cara descuberta, contándolle a verdade á xente, falando do que realmente lle interesa á nosa veciñanza e plantexando solucións aos seus problemas”, afirmou.

O senador puxo en valor o traballo de Edmundo Maseda, a quen “avala todo o traballo realizado e todos os proxectos desenvolvidos e que están en marcha para o futuro do noso Concello”.

Unha oposición que “só puxo paus nas rodas”

Logo de 10 anos de Goberno en minoría, o socialista foi crítico coa falta de vontade de colaboración dos partidos da oposición, pois “só nos puxeron paus nas rodas que impediron que O Valadouro avanzase, votaron en contra dos Orzamentos municipais e a propostas que eran moi beneficiosas para o conxunto da concello, algo que non logro entender”, reflexionou Maseda.

O alcalde tampouco deixou pasar por alto a falta de traballo dos partidos da oposición porque, “ademais de impedir o noso traballo, non fixeron nada nin achegaron propostas para a nosa vila, eu sería o primeiro en apoialos nos Plenos se achegaran propostas útiles, pero non fixeron nada e iso os veciños e veciñas teñen que velo e, o máis importante, valoralo agora que temos eleccións”, afirmou.

Experiencia na xestión

Edmundo dá de novo un paso adiante para continuar desenvolvendo proxectos e iniciativas que melloren O Valadouro dende a experiencia que atesourou tras estes anos de Goberno. “Coñezo moi ben o concello, as súas prioridades, os seus problemas, as súas  virtudes e potencialidades e, sobre  de todo, as  súas posibilidades de cara o futuro”, confesou ante a veciñanza.

“Non foron tempos doados porque gobernamos nos peores anos da historia recente:  primeiro a crise do ladrillo, a súa posterior recesión, logo a pandemia da Covid, e agora, por se fora pouco,  a crise  económica que derivou da guerra de Ucraína”, lembrou Maseda

O alcaldable detallou que dende o primeiro día o seu Goberno focalizou a súa acción na atención ás familias con nenos e nenas. Algún  exemplo que puxo foi a creación dun banco de libros, a posta en marcha do servizo de madrugadores, o impulso de actividades extraescolares ou o apoio ás escolas deportivas. Así mesmo, tamén fixo fincapé en que se prestou unha atención especial ás persoas maiores, incrementando o Servizo da Dependencia das 8.000 horas que había no 2013 ata as 35.000 horas que teñen actualmente, un servizo que conta cun orzamento de preto de 600.000€. Tamén dende o Concello asumiuse a diferenza económica deste servizo, pois a Xunta de Galicia só pon 11€ dos 18,50€ que costa o servizo. Ademais para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) o Concello do Valadouro achega case 60.000 €, “algo inigualable nun concello con características semellantes”.

Vivendas comunitarias, o Centro de Día e o Polígono

O Alcalde priorizará nos vindeiros meses rematar as cuestións e proxectos que o seu Goberno iniciou e que ten en marcha, como é o caso do Polígono Industrial, que “agora mesmo está atrancado pola Xunta de Galicia, cada vez requiren novas formalidades e impídennos avanzar, detallou.

Tamén quere poñer en marcha o Centro de Día, que xa está acondicionado pero só falta o orzamento para a súa posta en marcha. “Os partidos da oposición non quixeron aprobar os orzamentos, nin o suplemento de crédito nin propuxeron alternativa algunha, é unha irresponsabilidade deles porque non podemos poñer esta dotación social ao servizo dos nosos maiores”, dixo.

Edmundo Maseda contempla facer unha realidade as vivendas cooperativas na Avenida da Veiga, pois arestora o proxecto está “paralizado na área de urbanismo e estamos traballando para que na menor brevidade posible se poidan facer”.

Así mesmo, non deixou pasar por alto a idoneidade de crear os Consellos da Xuventude e dos Maiores, “son bos instrumentos de participación cidadá que contamos sacar adiante no próximo mandato, a pandemia da Covid-19 imposibilitou poñelos en marcha coa axilidade que nos gustaría”.

Novos lugares de interacción social

Nas súas palabras foi debullando o programa electoral, ao tempo que evidenciaba a continuidade que os proxectos de futuro teñen cos pasos dados polo Goberno nos últimos anos. É o caso, por exemplo, da adquisición de novos bens para o Concello grazas ao apoio da Deputación de Lugo para crear novos lugares de convivencia e de interacción social, como acontece co antigo cine onde “queremos facer un centro multiusos, pero tamén na esplanada da rúa Concepción Arenal adquirimos novos terreos para facer unha área máis grande que permita facer o mercado semanal máis cómodo ou calquera outro evento no municipio”, relatou o socialista.

0.19381618499756