Ecoloxistas en Acción sitúan dúas bandeiras negras na Mariña
Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe Bandeiras Negras 2021 que analiza a situación ambiental das costas españolas. No informe se realiza un resumo dos casos máis destacados de despropósitos ambientais nas costas do Estado español.
Así, outorgáronse dúas bandeiras negras en todas as provincias litorais, máis Ceuta e Melilla, o que suma un total de 48 casos de denuncias por contaminación e mala xestión ambiental.
No caso da provincia de Lugo as resultantes foron o Concello de Burela, por contaminación, e a praia de Altar en Foz, por mala xestión.
No tocante a Burela os motivos son as verteduras de augas residuais sen tratamento adecuado e que "xa hai anos que o sistema de tratamento de augas residuais é deficiente no Concello, o que carrexa continuas verteduras de augas fecais sen tratamento adecuado ao medio mariño, coa grave degradación ambiental que isto carrexa", di o informe . Tanto o goberno local como o autonómico levan tempo anunciando a ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), sen que se chegue a concretar esta actuación.
Por outra banda, a praia de Altar en Foz levou a bandeira negra polo proxecto de construción dun espigón e dragaxe con grave impacto en Rede Natura 2000. Esta construción traerá consecuencias impredicibles nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerables.
As solucións ou propostas de mellora no caso de Burela é acometer a mellora integral do sistema de saneamento e a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais por parte das administracións competentes. Esta urxente actuación debe ir acompañada dunha planificación para dimensionar adecuadamente o sector turístico e a aplicación de medidas correctoras ante a masificación temporal que este produce e que tan graves consecuencias ambientais carrexa.
Para o proxecto de Altar a solución non é doado pois o estado actual da praia non ten nada que ver co de fai uno anos, xa que as dinámicas litorais achegaron unha gran cantidade de area na actualidade. No canto de acometer unha actuación tan lesiva débese coidar por remediación natural de que o areal non perda a area que está a ser achegada polas correntes mariñas.