Ecoloxistas denuncian irregularidades na ampliación da balsa de Alcoa en Xove

AMariñaXa
O colectivo cuestiona o proceso ambiental e pide paralizar o proxecto ata aclarar posibles riscos e responsabilidades
Ecoloxista-Ecoloxistas-Galiza-Atlantica-e-Verde-Alcoa-recrecido-2026
5 Apr 2026

O proceso de ampliación da balsa de lamas vermellas de Alcoa en Xove volve situarse no centro do debate ambiental tras as alegacións presentadas polo colectivo Ecoloxistas de Galiza Atlántica e Verde, que advirte de supostas irregularidades na tramitación dos proxectos vinculados ás cotas +104 e +110.

Segundo explicou o xeólogo Óscar Pazos, integrante da entidade, a cuestión de fondo non reside unicamente na intención da empresa de unificar ambos proxectos, actualmente en proceso de avaliación ambiental, senón en que esta estratexia podería evidenciar deficiencias nos procedementos anteriores. O experto sostén que a ampliación xa estaba inicialmente prevista ata a cota +110, mais que foi dividida en dúas fases para facilitar a súa tramitación ambiental.

Neste sentido, desde o colectivo ecoloxista aseguran que o proxecto correspondente á cota +104 foi presentado como un “recrecemento”, cando en realidade implicaría unha ampliación tanto dos diques como da superficie da balsa. Segundo indican, parte destas actuacións terían sido ocultadas ao considerarse como “zonas de préstamo”, unha denominación que, ao seu xuízo, non reflectiría a verdadeira natureza dos traballos realizados.

As alegacións presentadas tamén cuestionan o rigor técnico e metodolóxico do estudo de impacto ambiental correspondente ao novo proxecto, sinalando que as súas deficiencias afectan a aspectos fundamentais que deberían ser revisados na súa totalidade. Por este motivo, solicitan o rexeitamento do documento e a emisión dunha declaración de impacto ambiental negativa.

Ademais, a organización reclama á Consellería de Medio Ambiente unha serie de actuacións, entre as que destacan a revisión da situación dun antigo vertedoiro próximo á balsa, a avaliación das posibles responsabilidades derivadas das contradicións detectadas nos proxectos e a paralización preventiva das obras ata que se esclarezan os riscos asociados.

Do mesmo xeito, Ecoloxistas de Galiza Atlántica e Verde solicita ser considerada parte interesada no procedemento, así como recibir toda a información relativa ao expediente, reservándose o dereito a ampliar as súas alegacións conforme avance a tramitación.

O colectivo insiste en que, ante a magnitude do proxecto e os posibles impactos ambientais, resulta imprescindible actuar con cautela e garantir a máxima transparencia en todo o proceso.

Ademais, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) vén de presentar tamén alegacións ao proxecto impulsado por Alcoa para ampliar a capacidade da balsa de lamas vermellas de Xove, unha infraestrutura que a compañía pretende manter operativa máis aló do ano 2033. A entidade cualifica esta iniciativa como unha “fuxida cara adiante” que prolonga a incerteza e os riscos ambientais sobre a Mariña, e lembra que a historia da instalación está marcada por sucesivas ampliacións baseadas en previsións erradas sobre o volume de residuos xerados. Neste contexto, ADEGA advirte de que o novo proxecto, que prevé elevar a cota ata os 106 metros, chega sen que rematara o anterior recrecemento e nun escenario no que as lamas vermellas xa foron reclasificadas como residuos perigosos, o que obriga —segundo subliñan— a revisar en profundidade a Autorización Ambiental Integrada e a propia viabilidade da instalación.

 

0.12085390090942