Eco das Minas, o latexo cultural da Pontenova

Por Ana Somoza.
A Pontenova non se entende sen o son das gaitas nin sen a pegada mineira que marcou o seu pasado. Nesa encrucillada entre memoria e cultura naceu hai máis de quince anos a Asociación Eco das Minas, un colectivo que, segundo lembra a súa presidenta, Tania Fernández Paz, “xurdiu porque había unha gran cantidade de alumnos que acudían á Escola Municipal de Música e se quería crear un grupo que puidera saír á rúa, participar en festas e festivais”.
Co paso do tempo, a entidade foi atopando o seu propio camiño. “A directiva actual levamos uns dez anos ao fronte e apostamos sobre todo pola música tradicional, pola recuperación das pezas que forman parte da nosa identidade como concello”, explica Fernández. O obxectivo, di, “era e segue sendo darlle recoñecemento aos gaiteiros que houbo aquí, que foran nados na Pontenova, e tamén ás composicións propias da zona”.
A presidenta insiste en que “somos unha terra de gaiteiros, e había moitas pezas que se estaban perdendo”. Por iso, desde Eco das Minas decidiron traballar para que “esas músicas empezaran a ter o lugar que merecen e que a xente coñecera ese pasado musical tan rico que temos”.
UN NOME CON HISTORIA. A identidade da asociación non se entende sen o seu pasado industrial. “O nome do noso grupo de música tradicional, A Chocolateira, é unha homenaxe directa ao tren mineiro que unía a Pontenova con Ribadeo”, explica Fernández. Aquel tren, que transportaba mineral e tamén persoas, deixou fonda pegada na memoria colectiva. “A xente chamáballe A Chocolateira polo ruído característico que facía a locomotora, e nós quixemos recuperar ese símbolo. É como unha viaxe musical polos concellos, levando as nosas músicas, igual que aquel tren levaba vida e comunicación”, comenta.
Para Tania, esa conexión co pasado é esencial. “A mina e o tren forman parte da nosa historia. Recuperar a súa lembranza a través da música é tamén unha maneira de honrar ás xeracións que traballaron neses tempos”, di con orgullo.

DA MÚSICA AO ENCONTRO VECIÑAL. O paso dos anos consolidou Eco das Minas como un referente cultural. “Abrimos a asociación para que todo o mundo puidera participar, non só os que se dedican á música”, subliña. O obxectivo era que fose “un punto de unión, un espazo para compartir e xuntarse arredor da cultura”.
Un dos fitos máis importantes chegou hai oito anos, cando decidiron organizar a súa propia foliada. “É o noso proxecto estrela”, afirma a presidenta. A cita celébrase cada ano a comezos de xuño e converte o pobo nunha auténtica festa da música e da tradición. “Queremos que sexa un lugar para todos, pero especialmente para os nenos, para que coñezan a nosa cultura e vexan a música tradicional como algo vivo”, sinala.
Durante a foliada, explica Fernández, “hai espectáculos musicais, xogos tradicionais, obradoiros e actuacións infantís”. Entre as colaboracións habituais están as de Troitas Bravas, un colectivo que promove o deporte da billarda. “Sempre poñen todo da súa parte para meterlle á xente o verme da billarda no corpo”, conta con humor. “Ese día é o noso día grande. É cando o pobo se enche de gaitas, de risas e de comunidade”, engade.
O ORGULLO DE LEVAR A MÚSICA DA PONTENOVA Á MARIÑA. Entre as lembranzas máis especiais de Tania está unha actuación recente. “Este ano, a principios do verán, participamos nas terceiras xornadas de música da Mariña. Foi unha experiencia fermosa e moi importante para nós”, di.
A presidenta explica que prepararon as pezas “con moito traballo e coa axuda da nosa mestra de gaita e clarinete, Lucía Eirós, de Meira, unha gran profesional que nos ensinou e acompañou”. Grazas a ese esforzo conxunto, “sentímonos moi orgullosos, porque esas xornadas son moi representativas e é bonito que se nos dea valor polo que facemos”.

CLASES DE BAILE E CULTURA VIVA. Eco das Minas non é só música. As clases de baile tradicional convertéronse nunha das actividades máis participadas. “Xurdiron porque necesitabamos bailadores”, lembra Tania. “Somos músicos, pero para que haxa música tamén ten que haber quen baile”.
A sorte acompañounos, di, ao atopar como mestre a Adrián Méndez, gaiteiro e bailador da Fonsagrada, compoñente do grupo Ninjúres. “É un profesor fantástico. As clases están abertas a todas as idades, porque realmente non hai idade para bailar unha muiñeira ou unha xota”, conta.
“Veñen nenos, rapazada, persoas maiores… é unha actividade que une moito”, subliña. A idea é que “aprendan uns puntos e poidan saír a bailar en calquera foliada”.
“Facer comunidade sen perder a nosa identidade, coidar o rural e manter vivas as costumes dos nosos antecesores: esa é a nosa filosofía”
UN ANO CHEO DE INICIATIVAS. Ao longo do ano, a asociación organiza numerosas actividades culturais. As de Nadal son das máis esperadas. “Facemos un proxecto con propostas infantís e para adultos, e saímos sempre cos Cantos de Reis”, comenta. No Entroido, tampouco faltan: “Xa sexa disfrazados ou non, sempre buscamos facer algo de barullo, levar alegría polas rúas”.
Durante a pandemia, cando non se podían celebrar eventos, Eco das Minas non quixo quedar parada. “Decidimos levar a nosa música polas parroquias do concello”, recorda. Cada fin de semana escollían unha parroquia distinta. “Falabamos coa xente, poñiamos cadeiras para os maiores, e tocábamos alí unhas pezas. Foi un proxecto moi fermoso e gratificante”, confesa.
A resposta veciñal foi extraordinaria. “A xente esperaba por nós, recibíanos con cariño. Foi unha das actividades que máis nos chegou ao corazón”, asegura.

OS CABEZUDOS E A EMOCIÓN DAS FESTAS. Outra lembranza especial é a recuperación dos cabezudos nas festas patronais. “Despois de moitos anos volvemos sacalos á rúa, acompañados da nosa música”, conta. “A xente viña vernos, preguntaba, interesábase, e bailaban connosco. Foi un dos momentos máis emocionantes que vivimos na nosa casa”.
"O noso obxectivo era e segue sendo darlle un recoñecemento aos gaiteiros que houbo aquí e ás pezas propias da Pontenova"
MÁIS QUE SOCIOS, COMUNIDADE. Sobre o número de socios, Tania prefire non falar en cifras. “O importante é a participación. Dentro dos grupos de ioga e acuarela hai moita xente do pobo que pode facer actividade grazas á asociación. Iso é o que realmente nos representa”, explica.
A participación, di, é transversal. “Hai socios máis activos, sobre todo os do grupo de música e os da escola de baile, que se implican moito nas organizacións, na foliada e noutros proxectos”.
Fernández insiste en que “a clave está en facer comunidade. A asociación é de todos e para todos”.
A MOCIDADE E O RELEVO. Un dos retos é implicar á xente nova. “Animaría aos mozos a participar, a meterse no mundo do baile e da música tradicional, porque é algo que nos pertence e que non se pode perder”, di.
A Chocolateira, o grupo de música da asociación, participa con frecuencia en festas e festivais doutros concellos. “É importante levar o noso traballo máis alá da Pontenova. Formamos parte do proxecto Tradigalu da Deputación de Lugo, e grazas a el tocamos en moitos lugares da provincia”, explica con satisfacción.
Tamén colaboran estreitamente co colexio da Pontenova. “Facemos actividades con eles polo Magosto e o Día das Letras Galegas. Este ano, como se dedicaba ás cantareiras, fixemos os Maios e aproveitamos para cantar cantigas con eles. É un orgullo levarlles a cultura tradicional ás novas xeracións”, di con entusiasmo.

O FUTURO, CON OPTIMISMO. Tania Fernández ve o futuro da asociación con esperanza. “Cada vez hai máis persoas nas actividades, e iso é un sinal positivo”, afirma. “Nos pobos pequenos é difícil acceder a certas propostas culturais, pero grazas ás asociacións conséguese manter as tradicións e facer comunidade”.
Para ela, Eco das Minas xoga un papel fundamental na conservación da identidade local. “Confío nas xeracións que veñen. Creo que o noso grupo e outros doutros pobos van seguir medrando. A clave é non perder o que somos”, reflexiona.
A presidenta destaca que o rural “precisa desa vida, desa unión que xorde cando se traballa xuntos por algo que nos representa”. A cultura, di, “é o fío que nos mantén conectados”.
UNHA FILOSOFÍA DE VIDA. Cando se lle pregunta que mensaxe quere transmitir á comunidade, Tania responde con claridade: “Falaría de facer comunidade sen perder a nosa identidade”. E engade: “Temos que axudar a que o rural medre, sempre coidando e respectando as costumes dos nosos antecesores. É importante manterse unido polo pobo e compartir o vivido”.
Para ela, a música e a tradición non son só unha afección, senón un xeito de entender a vida. “Non queremos que a cultura quede nun museo, senón que siga viva, que se escoite e se baile”, resume.
E mentres soa unha gaita nas rúas da Pontenova, o eco das minas continúa vivo, transformado agora nun eco cultural que latexa con forza no corazón da vila.