Dúas obras de teatro na Casa da Cultura de Burela para reflexionar sobre a sociedade actual

AMariñaXa
Sarabela Teatro e Teatro Noroeste traen espectáculos que combinan realismo social e humor crítico
teatro mascara
26 Mar 2025

A Casa da Cultura de Burela será o escenario de dous espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto nas próximas semanas. Estas propostas, que mesturan narrativa simbólica e crítica social, buscan ofrecer non só entretemento, senón tamén unha oportunidade para a reflexión sobre temas de actualidade.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez Pardo, destacou a aposta do Concello por unha programación escénica de calidade: “Seguimos traballando para traer a Burela espectáculos que, ademais de divertir, xeren debate e fagan pensar ao público”.

O venres 28 de marzo, ás 21:00 horas, Sarabela Teatro representará O Dragón de Ouro, unha obra do dramaturgo Roland Schimmelpfennig. A historia desenvólvese nun edificio europeo de varios pisos e céntrase nun mozo chinés que traballa no restaurante The Golden Dragon. Sen permiso de residencia nin recursos para ir ao dentista, os seus compañeiros intentan axudalo de forma rudimentaria ante unha intensa dor de moas. A peza aborda cuestións como a inmigración, a explotación laboral e a desigualdade, ao tempo que introduce historias doutros habitantes do edificio, coma un ancián atrapado no seu pasado ou unha moza vítima da prostitución forzada. Tamén inclúe unha particular versión da fábula da cigarra e a formiga, convertida nunha crítica á indiferenza social. As entradas terán un custo de 5 euros.

A segunda proposta chegará o venres 4 de abril, tamén ás 21:00 horas, da man de Teatro Noroeste. A compañía porá en escena Gloria Nacional, unha obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso, protagonizada por Luma Gómez, Manuela Varela e Miguel Pernas. “Esta peza aborda con humor intelixente temas como a política, a identidade e o papel da cultura na sociedade actual”, sinalou a concelleira.

O protagonista da historia, Uxío Rodas, é un prestixioso escultor e pintor cuxas obras están expostas nos principais museos internacionais. Porén, atópase sumido nunha crise creativa mentres traballa nun ambicioso encargo do goberno: unha escultura que represente a nación. A inesperada visita do seu representante e da ministra de Cultura abre un debate sobre a relación entre arte, poder e mercado. A entrada para esta obra tamén terá un prezo de 5 euros.

teatro veran fondo nois
⚙ Configurar cookies
0.40322279930115