Dúas mil persoas apoiaron a manifestación da plataforma veciñal de Celeiro en prol do saneamento da ría

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
4 sep 2019

A Plataforma veciñal Pro-Celeiro reclamou cunha manifestación o saneamento da ría. O colectivo rexeitou abertamente a equiparación con calqueira grupo político sobre a manifestación que se levou a cabo o pasado sábado día 31 co obxectivo de protestar e reclamar solucións á contaminación por augas fecais á ría de Viveiro, e na que participaron preto de 2.000 persoas.

Lembran que en xaneiro entregáronse sinaturas dun manifesto pola rexeneración da ría por parte de 30 colectivos vivarienses á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade e tamén ao Concello pero non obtiveron resposta.

Este verán, tralas analíticas que disuadían do baño na praia de Celeiro, volveron as queixas en Celeiro. Ante a dúbida de se o areal era apto ou non para bañarse, os veciños decidiron crear unha plataforma e mobilizarse por un obxectivo que levan anos reclamando. O mal saneamento da ría e da zona achácano a que os verquidos de Celeiro e de Area non son depurados e van directamente ao mar. Ademais, o emisaro, ao romper, verte xusto ao lado do porto, sosteñen, algo que insisten en que pódese ver dende a beira da costa.

Aparte, o emisario roto supón un perigo para as embarcacións que poden enganchar con el, engaden.

Sobre a participación dos políticos na mobilización, opinan que, se ben é certo que cantos máis mellor, pois a unión fai a forza, non o é menos que queren manter activada a transversalidade deste momento cívico, e por iso queren seguir mantendo que son unha plataforma apartidaria; que non apolítica, pois a política é a ferramenta inescusábel en democracia para a defensa do ben público ou común. E a ría é un ben público, de todos e de todas, manifestan.

A situación ameaza a saúde de cantos e cantas se bañan na praia urbana de Celeiro (unha situación de perigosidade que tamén se da na praia de Covas).

A licitación e execución das obras da depuradora e do emisario que verte as augas residuais a escasos metros do porto e da praia de Celeiro é competencia e responsabilidade de Augas de Galicia, organismo que depende da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e que preside o líder do PP, Núñez Feijóo.

A Plataforma ratifícase na súa intención de seguir mantendo a iniciativa desta reivindicación cívica, transversal e plural, porque é consciente de que é como poderán conseguir, todos xuntos e xuntas, o obxectivo: unha ría e unha praia limpas e seguras.

Lembran que o protagonismo é colectivo. Non partidario. E si veciñal e cívico.

0.19189286231995