Dous simulacros de rescate nas Catedrais sorprenderon aos turistas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Ago 2019

O servizo de socorrismo e salvamento do Concello de Ribadeo realizou este mediodía dous simulacros nas praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas. Os supostos foron os mesmos: dúas persoas en apuros na auga, ás que estaba a arrastrar a corrente. 

Nas Catedrais participaron 4 socorristas e un técnico sanitario ademais do coordinador, que empregaron pouco máis de tres minutos e medio en sacar da auga ás vítimas. Unha delas entrou en parada e foi atendida xa na area, onde ademais foi inmobilizada. Á hora á que se realizou o simulacro, pasada a unha do mediodía, había centos de persoas no areal, algunhas delas seguiron de preto o simulacro, que rematou cun aplauso para o servizo de socorrismo e salvamento. 

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije, dixo que “todos os anos se fan este tipo de actuacións para estar preparados para unha emerxencia e quero salientar e agradecer os esforzos que están a facer tanto os socorristas como os técnicos sanitarios porque todo isto é complexo”.

O edil nacionalista referiuse ás dificultades coas que se atopou o Concello ribadense para contar con socorristas para esta campaña estival: “sacáronse tres convocatorias para contratar socorristas e quedáronnos prazas descubertas, polo que a día de hoxe temos 13 e deberíamos ter 17. Entón a Xunta de Galicia debe tomar nota disto que esta pasando porque non é só o Concello de Ribadeo pois vemos concellos de diferentes cores e signos políticos que están a pasar por unha situación moi parecida á nosa. Aquí intentamos facer as cousas ben, como sempre, pagamos máis que ninguén, subimos os soldos dos socorristas pero hai cousas ás que non podemos chegar. Entón invoco á Xunta para que tome medidas e seguiremos con este tipo de simulacros para estar preparados para unha intervención da magnitude que poida ser necesario levar a cabo aquí”.

O simulacro nas Catedrais foi seguido de preto por Jorge Díaz Freije e polo alcalde, Fernando Suárez Barcia. 

A continuación realizouse outro na praia de Os Castros-As Illas. 

 

0.18441700935364