Docentes e familias péchanse no CEIP de Covas para reclamar melloras no ensino público

AMariñaXa
A comunidade educativa súmase ás mobilizacións promovidas por CIG-Ensino e STEG para esixir negociacións coa Consellaría
CEIP-Covas-encerro-2026-reclamar-melloras
29 Jan 2026

Un grupo de docentes e familias iniciou un peche reivindicativo no CEIP Plurilingüe de Covas co obxectivo de reclamar melloras no ensino público e denunciar a falta de diálogo da Consellaría de Educación. A acción enmárcase nunha campaña de 15 peches impulsada por CIG-Ensino e STEG, sindicatos maioritarios entre o profesorado, que buscan trasladar o conflito laboral aos propios centros educativos e implicar a toda a comunidade escolar.

O peche comezou ás cinco e media da tarde coa intención de prolongarse durante a noite. Ao longo da xornada están a celebrarse asembleas abertas, debates sobre as próximas accións, elaboración de material reivindicativo e encontros con representantes das familias e do alumnado. Ademais, está previsto realizar este xoves pola mañá un acto informativo coincidindo coa entrada ás aulas e o inicio da actividade lectiva.

Desde as organizacións convocantes explican que esta iniciativa responde á negativa do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a sentarse a negociar, mesmo despois de cinco xornadas de folga e múltiples mobilizacións. Lembran que, tras varias accións similares realizadas no primeiro trimestre, decidiron agora estender os peches por todo o territorio galego para facer máis visible o conflito.

Durante o peche estanse a poñer sobre a mesa as principais carencias do sistema educativo galego, como a falta de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe ou orientación, así como o incremento das ratios, a ausencia de desdobres e o incumprimento das medidas acordadas. Segundo denuncian, estas situacións afectan especialmente ao alumnado máis vulnerable e comprometen a igualdade de oportunidades.

As reivindicacións inclúen tamén a redución das ratios, a diminución da carga burocrática do profesorado e unha aposta decidida pola oferta pública en todas as etapas educativas.

Como continuación da protesta, mañá pola mañá terá lugar unha concentración á hora da entrada no centro, coincidindo coa iniciativa dos Venres Negros, para visibilizar as demandas da comunidade educativa e reclamar unha resposta inmediata da administración.

⚙ Configurar cookies
0.076702117919922