Dobre recoñecemento para os centros de Burela nos premios de inclusión e convivencia escolar

O compromiso coa inclusión e o benestar do alumnado acadou un novo recoñecemento en Burela. O IES Perdouro e o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme foron premiados pola Consellería de Educación nos Premios de Boas Prácticas 2024, que distinguen o traballo destacado de centros educativos en materia de inclusión, convivencia e loita contra o acoso escolar.
O IES Perdouro foi galardoado co 2º premio na categoría B dos Premios de Educación Inclusiva, mentres que o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme recibiu o 2º premio na categoría A do certame ConVivimos 2024, polo seu labor na promoción do bo clima nas aulas e o coidado do benestar emocional dos máis pequenos.
Estes recoñecementos foron entregados nun acto no que participou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen puxo en valor o papel fundamental dos centros na construción dun sistema educativo máis xusto, equitativo e integrador. Tamén avanzou que estas iniciativas pasarán a formar parte da nova Estratexia de Inclusión Educativa de Galicia, que será presentada proximamente.
Tanto o profesorado como os equipos directivos dos centros burelaos recibiron estas distincións como un impulso para seguir traballando a prol dunha escola que respecte e valore a diversidade, e que poña no centro ás persoas.