Do 9 ao 11 de agosto celebrarase o XXXII Mercado Medieval de Mondoñedo
Vén de presentarse o XXXII Mercado Medieval de Mondoñedo, que terá lugar os vindeiros días 9, 10 e 11 de agosto de 2024 no centro urbano da cidade episcopal.
O programa desenvolverá máis dun cento de actividades que abranguen desfiles de cabaleiros, ruadas musicais e de atraccións, torneos medievais, contacontos, monicreques, cetrería, unha voda medieval e, por suposto, a Cea Medieval do sábado.
Dende o Concello queren convidar a todo mundo a asistir esta celebración do mes de agosto, unha das referencias do calendario festivo de Mondoñedo.
Colaboración da Xunta
A Xunta de Galicia colabora na celebración evento e durante a presentación do programa, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, gabou o traballo de organización realizado polo Concello, representado polo alcalde, Manuel Otero, e a implicación das asociacións O Pasatempo e Amigos do Mercado Medieval “para reeditar un ano máis o éxito desta festa declarada de interese turístico galego”.
A apertura dos postos do mercado está fixada para o venres ás 20.00 horas, se ben o xoves os nenos e nenas da ludoteca irán creando ambiente polas rúa da cidade e tamén se celebrará un concerto da Escola de música.
A fin de semana os postos estarán abertos desde as 11.00 horas, con demostración e venda de produtos agroalimentarios ou de artesanía, como fiandeiras, palilleiras, cantería ou coiro.
Haberá arredor dun centenar de actividades, especialmente para público infantil ou familiar, entre elas animación musical, contacontos, exhibicións de cetrería ou vodas medievais. Precisamente, os pregoeiros desta trixésimo segunda edición serán María Teresa Sanz e Pablo Zarzalejo, a primeira parella que se casou por este rito hai 15 anos.