Do 1 ao 3 de outubro terá lugar a XVIII Mostra de Teatro Afeccionado de Ribadeo

AMariñaXa
A XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, celebrarase desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal
mostra de teatro ribadeo 2021
1 Oct 2021

A Concellaría de Cultura ven de presentar a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal. Na cita participan tres compañías, dúas da Mariña e unha de Corcubión. As representacións darán comezo ás 20:30 horas e o prezo da entrada será de 3 euros.

Comeza hoxe, venres, co grupo de Vilaronte (Foz), Axóuxeres, é unha función de hora e media de duración. Representan a obra Cousas de Mulleres que conta a historia de tres persoas cos seus problemas loitando contra o mundo e ata consigo mesmas, ás que o destino une por unha casualidade e que sen pretendelo acaban converténdose en grandes amigas. Esta obra busca elevar os ánimos con humor xa que a unión fai a forza e non hai problema que non teña solución.

O sábado O Torques de Burela recrea as peripecias dun vagabundo O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra convídanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva diferente, e dura uns sesenta minutos.

Rematará a mostra o domingo co grupo Farándula Velutina de Corcubión que representa A derradeira bala. Esta obra está dirixida polo seu autor, Fernando Castro Paredes, natural de Tapia, levou o premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018 e foi publicada pola editorial Galaxia. A obra conta como Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. A mañá seguinte será fusilado coa última bala que garda o pelotón mais o amor pola música de Luciano e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño. Botando man da traxicomedia, o autor tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e ironía. Esta obra pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo e axúdanos a ver como as veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha obra conmovedora que nos enfronta a emprender un novo camiño e que de seguro non nos deixará impasibles.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17968392372131