Djunta Mó: un espazo de unión

AMariñaXa
Un novo colectivo que une á comunidade caboverdiana na Mariña para fortalecer lazos e construír unha sociedade máis inclusiva
BURELA-Djunta-Mo-asociacion-5
21 Sep 2025

Por Ana Somoza.

A Asociación Djunta Mó xurdiu como resposta á necesidade de crear un punto de encontro para a comunidade caboverdiana na Mariña e dar visibilidade á súa cultura. Segundo explican os seus impulsores, trátase dunha entidade recente formada por un pequeno grupo de persoas caboverdianas residentes na comarca que viron a carencia dunha representación oficial da súa cultura na zona. A idea de fundar a asociación naceu de “conversas informais sobre a vida na Mariña, as dificultades de integración e a vontade de mostrar a riqueza cultural de Cabo Verde á sociedade galega”.

O nome “Djunta Mó” foi escollido coidadosamente e significa “Unímonos” en crioulo caboverdiano. Para os membros, este nome reflicte o espírito da asociación: “colaboración, unión e creación de pontes entre persoas de distintas culturas”. A intención, segundo destacan, é que “quen o escoite entenda de inmediato que o noso obxectivo é xuntar e fortalecer vínculos”.

A motivación para facer visible a cultura caboverdiana na Mariña veu cando os fundadores se decataron de que “moita xente da zona coñecía moi pouco sobre Cabo Verde, a súa lingua, música, gastronomía e tradicións”. “A nosa intención era mostrar que a cultura caboverdiana forma parte da vida da Mariña e que, ademais, enriquece a diversidade local”, recalcan.

Sobre a cultura caboverdiana e a súa presenza na Mariña, explican que entre os elementos que máis queren dar a coñecer están “a música, como a morna, a coladeira e o funaná; a gastronomía típica, entre a que destacan a cachupa, o pastel e o grogue; a lingua crioula; e as tradicións festivas e familiares que forman parte da nosa identidade”.

Non obstante, recoñecen que “aínda existe moito descoñecemento sobre a cultura caboverdiana na Mariña”. “Moitas persoas teñen ideas equivocadas ou estereotipos sobre a inmigración caboverdiana, como que só viñemos a traballar ou que estamos pechados na nosa comunidade”, advirten, e engaden que “o noso labor é mostrar que somos parte activa da sociedade local e que contribuímos á diversidade e ao enriquecemento cultural da Mariña”.

A convivencia diaria entre as persoas caboverdianas e o resto da veciñanza en Burela é, segundo os membros de Djunta Mó, “en xeral moi boa”. Subliñan que “compartimos espazos, traballos e actividades sociais”, e que a asociación traballa para reforzar esas relacións promovendo “encontros, celebracións culturais e proxectos comunitarios que fomenten o entendemento mutuo e o respecto entre todas as persoas residentes”.

En canto ás actividades que organizan, comentan que, como asociación de nova creación, aínda non teñen “unha programación extensa de actividades”, pero xa teñen proxectos concretos en mente. Entre eles, destacan “talleres de música, baile e idioma caboverdiano”, festivais culturais e gastronómicos para dar a coñecer a cultura, charlas e encontros comunitarios para promover a integración e o diálogo intercultural, así como proxectos educativos nas escolas para achegar aos máis novos á cultura caboverdiana.
O seu enfoque está claro: “Planificamos actividades que teñan impacto e involucren tanto á comunidade caboverdiana como á galega”. Ademais, queren establecer colaboracións con outras asociacións culturais, concellos e institucións educativas para “multiplicar o alcance das nosas iniciativas e fomentar a integración”.

Entre os proxectos que máis ilusión lles fai están “o festival anual de culturas, que reúne música, danza e gastronomía”, así como “o proxecto de educación intercultural nas escolas da Mariña, que permitirá achegar aos máis novos á cultura caboverdiana”.
Sobre a dimensión comunitaria e social, para Djunta Mó fortalecer os lazos entre persoas de orixes diferentes é “fundamental”. A convivencia e colaboración, din, “fortalece a cohesión social, combate prexuízos e crea unha comunidade máis inclusiva e solidaria”. Por iso, “Djunta Mó quere ser un punto de encontro onde todas as persoas se sintan representadas e valoradas”.

A mocidade caboverdiana tamén é un foco de atención para a asociación. Queren que os mozos e mozas “se sintan parte activa da comunidade”. Para iso, organizan actividades específicas e “dámoslle voz á súa perspectiva nas decisións da asociación”.
Para implicar á xente nova, tanto caboverdiana como galega, apostan por “talleres interactivos, proxectos escolares, actividades culturais e deportivas”, creando espazos onde a mocidade poida “aprender, compartir e participar activamente, promovendo a integración e o respecto mutuo”.

Entre os principais retos que afrontan, sinalan “conseguir recursos e financiamento para organizar actividades, superar estereotipos e prexuízos existentes, aumentar a visibilidade da asociación e implicar máis á comunidade local en proxectos interculturais”.
Reclaman ás administracións locais e galegas “maior apoio económico, espazos para desenvolver actividades, promoción das iniciativas interculturais e recoñecemento oficial da importancia da diversidade cultural”.

Pensando no futuro, visualizan Djunta Mó como “un referente cultural na Mariña”, con “máis proxectos educativos e culturais, maior participación da mocidade e unha comunidade máis inclusiva e integrada, onde a cultura caboverdiana sexa coñecida, respectada e celebrada por todos”.

Este proxecto que naceu da unión de persoas que senten a necesidade de visibilizar a súa cultura e fomentar a convivencia multicultural, representa un exemplo de como a diversidade é unha riqueza para a Mariña, e un compromiso para construír unha sociedade máis aberta e respectuosa.

⚙ Configurar cookies
0.091875076293945