DiversiPrix enche San Miguel de Reinante de xogos, inclusión e convivencia

AMariñaXa
Sesenta participantes e unha trintena de voluntarios déronse cita nunha xornada de lecer accesible impulsada pola Asociación Guillem Veiga Iglesias en colaboración coa Deputación e o Concello de Barreiros
Barreiros-DiversiPrix-xornada-inclusiva-xogos-2025
30 Jun 2025

San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, converteuse esta fin de semana nun espazo de inclusión e diversión compartida coa celebración da xornada DiversiPrix. A actividade, organizada pola Asociación Guillem Veiga Iglesias coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do propio Concello, reuniu a sesenta persoas participantes que cubriron todas as prazas dispoñibles.

Baixo o lema Onde enredarnos como iguais, a iniciativa apostou por un modelo de lecer inclusivo no que todos e todas puideron participar sen distinción, formando parte de dez equipos que competiron e colaboraron en probas de todo tipo. A contorna do campo da festa acolleu xogos de puntería, circuitos de obstáculos, un futbolín humano, dinámicas cooperativas, retos de lóxica e habilidade e tamén xogos de mesa en formato xigante.

Durante a xornada achegouse ata o recinto o deputado de Mocidade da Deputación de Lugo, Daniel García, quen destacou o valor deste tipo de propostas como “ferramentas fundamentais para crear espazos de encontro, respecto mutuo e diversión compartida”. García puxo tamén en valor o traballo da organización e o esforzo dunha trintena de persoas entre monitores e voluntariado, que fixeron posible o desenvolvemento fluído e seguro de todas as actividades.

DiversiPrix consolídase así como unha proposta que combina inclusión, deporte e igualdade, cunha metodoloxía participativa que permite construír comunidade a través do xogo. O éxito da convocatoria e a implicación das entidades organizadoras abren a porta a futuras edicións, coa vista posta en facer de Barreiros un referente en lecer accesible para todas as idades.

⚙ Configurar cookies
0.350093126297