Dimite o conselleiro do Mar tras ser imputado por un presunto delito de agresión sexual

O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, presentou a súa dimisión despois de recibir unha notificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o informa de que está sendo investigado por un presunto delito de agresión sexual. A denuncia afecta, segundo el mesmo sinala, “á súa esfera persoal”, pero considera necesario apartarse do cargo para afrontar con todas as garantías a súa defensa nos tribunais.
Villares, de 55 anos e natural de Cervo, chegou ao Goberno galego en xuño de 2023 como sucesor de Rosa Quintana, quen deixara a consellería tras catorce anos de xestión para integrarse nas listas do Partido Popular ás eleccións xerais. O nomeamento de Villares supuxo un relevo xeracional e territorial, xa que accedeu ao cargo tras unha longa traxectoria como alcalde do seu concello natal, onde gobernou durante máis dunha década con maiorías absolutas consecutivas.
Licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu como profesional no sector ata o ano 2007, etapa que compaxinou co seu labor como concelleiro en Cervo. A partir de entón dedicouse en exclusiva á política local ata o seu salto ao Executivo galego da man de Alfonso Rueda.
Nunha breve declaración pública, Villares proclamouse “totalmente inocente” dos feitos que se lle imputan e manifestou a súa intención de “canalizar todas as forzas cara á defensa no eido xudicial”. Aínda que non transcenderon detalles concretos da denuncia, fontes xudiciais confirman que o caso está vinculado cun presunto delito de natureza sexual.
A súa saída prodúcese nun momento delicado para a Consellería do Mar, que ten por diante retos estratéxicos como a reforma da lei de pesca, a defensa dos intereses galegos na nova Política Pesqueira Común e a xestión da crise do sector marisqueiro. Por agora, a Xunta non anunciou quen asumirá de maneira provisional as súas funcións.
A renuncia de Villares representa un golpe político para o Goberno de Alfonso Rueda, que terá que afrontar tanto a vacante na consellería como as posibles repercusións públicas.
PSOE
O Partido Socialista de Galicia reclamou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareza para ofrecer explicacións “claras e urxentes” sobre a dimisión do xa exconselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Nun comunicado remitido aos medios, o PSdeG manifestou o seu respecto pola decisión de Villares de abandonar o cargo, unha vez feita pública a existencia do procedemento xudicial. Porén, os socialistas consideran que, dada a gravidade do asunto, é imprescindible que a Presidencia da Xunta asuma responsabilidades políticas e aclare os feitos.
“Calquera situación desta natureza sería completamente inaceptable en calquera cidadán, pero moito máis en quen ostenta un cargo público”, subliñan desde o PSdeG. Nese sentido, lembran que os feitos denunciados se produciron “hai varios meses”, polo que consideran necesario saber se a Xunta tiña coñecemento previo da situación.
Desde as filas socialistas insisten en que a prioridade agora é garantir unha actuación xudicial con todas as garantías e coa máxima dilixencia, mais engaden que o executivo galego non pode permanecer en silencio. “Os cidadáns merecen saber en que momento soubo Rueda desta denuncia e cal foi a súa resposta institucional”, apuntan.
BNG
A responsable de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “non se agoche” e dea con urxencia explicacións pola “extrema gravidade” da imputación do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, por un suposto caso de agresión sexual.
“Isto é dunha gravidade extrema, porque é terrible para as mulleres galegas ter que ver como un goberno que, en teoría, ten que protexer os nosos dereitos, ten un posible agresor sexual”, asegurou a tamén portavoz de Igualdade do Bloque no Parlamento, quen subliñou que “unha denuncia deste calado non é un asunto exclusivamente privado”.
É por iso que o BNG reclama que as acusacións ao conselleiro do PP “teñen que ser investigadas ata as últimas consecuencias”.
Tras recibir “con absoluto horror” a noticia da dimisión do conselleiro por unha acusación de agresión sexual, Presas amosou todo o apoio do Bloque á persoa denunciante e reclamou para ela a “máxima confidencialidade e seguridade”. A deputada nacionalista quixo, ademais, enviar unha mensaxe a todas as mulleres do País: “Isto é terrible, pero temos que velo tamén desde a perspectiva de que se hoxe un home poderoso pode ser imputado por unha cuestión así é tamén porque o feminismo ten avanzado nos últimos anos e porque as mulleres non calamos ante este tipo de situacións”.