Diferencias entre PP e PSOE de Mondoñedo por pagos pola promoción do patrimonio inmaterial

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 sep 2019

A concelleira de Facenda e voceira do Goberno local do Concello de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez, considera “incrible” que a voceira do Grupo Socialista, Esperanza González, tilde de “despilfarro” o pagamento de accións de promoción do noso patrimonio inmaterial. A edil popular aclara, neste sentido, que “o suplemento de crédito aprobado correspóndese co diñeiro aforrado na amortización da débeda correspondente ao préstamo de pago a provedores contratado polo bipartito e co incremento de ingresos de licenzas”. Ademais, como xa se explicou nas comisións informativas, “trátase dunha previsión  de gasto que pode ser necesaria ou non”. 

Os socialistas din que o investimento compromete "a estabilidade orzamentaria" e o goberno rexeita que "promocionar do patrimonio" sexa "despilfarrar".

Rodríguez subliña que “dende o Goberno local sempre apoiamos e apoiaremos as nosas festas, así coma as distintas actividades de promoción económica e, polo tanto, incluíndo tamén a promoción turística do noso patrimonio”.

Así mesmo, a voceira do Goberno local mindoniense considera que  “a voceira socialista está máis preocupada por facer méritos para manter o seu posto no PSOE que de estudar os expedientes e a realidade de Mondoñedo”.

Por outra banda, dende o Executivo municipal tampouco entenden a referencia á instalación de marquesiñas porque “a partida orzamentaria dirixida a sufragar a execución deses traballos non foi incrementada”.

0.19216394424438