Deu comezo o curso de poda de froiteiras do Centro Pedro Murias de Ribadeo
No CFEA Pedro Murias deu comezo o curso de poda de froiteiras, que organizan o propio centro e o Concello de Ribadeo. As prazas ofertadas para a formación que se impartirá nas vindeiras semanas, un total de 60, foron cubertas. Hai lista de agarda.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “desde o Concello de Ribadeo seguimos a colaborar con todas as administracións, neste caso queremos poñer en valor a colaboración coa Xunta de Galicia, coa escola de capacitación agraria Pedro Murias, que ten unha vocación clara de formar continuamente e así apoiar ao sector primario: agricultura, gandería e forestal. Ten unha clara vocación desde a súa fundación con Pedro Murias, un filántropo que nos deixou un edificio para dedicar á formación e ao apoio ao sector primaria”.
O rexedor subliñou que “desde un punto de vista de formación dentro da oferta educativa que temos en Ribadeo Pedro Murias é un piar fundamental e dentro do arraigo cultural, arquitectónico, indiano queremos destacar este emblema que temos na entrada de Ribadeo”.
Vega explicou que “neste caso quixemos colaborar e agradezo á dirección do centro e ao seu director, Manuel Valín, porque é importante esa colaboración a través de propostas positivas e que signifiquen un avance. Neste caso a oferta foron uns obradoiros de poda de froiteiras, de enxertía de froiteiras e de reprodución vexetativa de plantas ornamentais. Toda esta formación, dedicada á profesionalización e a adquirir coñecementos técnicos, é fundamental. A oferta foi importante e houbo un interese por parte da poboación. En poda as prazas ofertadas foron 24 e as persoas anotadas 46. O 100% das prazas están cubertas e queda unha lista de agarda de 22 persoas. De enxerto as prazas ofertadas tamén foron 24 e os anotados 40, quedan polo tanto 16 persoas en lista de agarda e para o taller de acodo as prazas ofertadas foron 12 e 27 as persoas que se inscribiron, pero 15 quedan en lista de agarda. Isto significa que hai un interese por parte da poboación”.
O alcalde ribadense engadiu que “nos seguiremos a xestionar cursos deste tipo, porque cremos que son fundamentais e agradezo á dirección e a todos os técnicos de Pedro Murias todo o traballo que están a facer. A colaboración co Concello de Ribadeo vai ser total e absoluta, propoñeremos tamén máis actividades para os centros educativos e tamén faremos certas accións do Concello en Pedro Murias e nesta colaboración permanente é na que imos estar e é realmente o importante: colaborar con propostas para que Ribadeo siga avanzando”.