Detidos catro veciños de Viveiro por un suposto cultivo de marihuana

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
17 Out 2019

A Garda Civil detivo na localidade de Ourol a catro veciños de Viveiro, de 32, 35, 39 e 55 anos de idade, como supostos autores de delictos de cultivo de drogas e defraudación de fluído eléctrico.

A investigación iniciouse, segundo un comunicado da Garda Civil, despois de ter coñecemento o pasado mes de setembro de que nunha vivenda situada no termo municipal de Ourol podía estarse producindo unha defraudación do fluído eléctrico, cunhas perdas potenciais por parte da compañía eléctrica distribuidora nos meses de xuño e xullo pasado de 1.100 euros

No transcurso da investigación, os axentes observaron como varias persoas accedían ao interior dunha vivenda en horas diferentes do día, abandoando o lugar ao pouco tempo, levando en cada visita sacos de sustrato e cubos de pintura baleiros.

Polas noites viron unha luz moi potente na vivenda, que permanecía acesa durante a madrugada.

No rexistro domiciliario interviñéronse unha instalación profesional destinada supostamente ao cultivo de marihuana, na que utilizaban lámpadas reflectoras con bombillas de 600 watios e 136 prantas de suposta marihuana de distintos tamaños ademais de inflorescencias. Acharon indicios que apuntan a outra instalación desmantelada nun anexo á casa.

Os axentes verificaron a existencia dunha complexa instalación eléctrica, compatible coa defraudación de electricidade denunciada pola compañía subministradora.

A operación policial continúa aberta e non se descartan novas detencións. As persoas detidas foron postas á disposición xudicial.

0.1419849395752