Detectan un foco de gripe aviaria en Xove

AMariñaXa
As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
8 Out 2024

A Consellería do Medio Rural comunícalle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da
Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de cinco exemplares de gaivotas patiamarelas afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Catro das aves, que constitúen un único foco desta enfermidade, foron atopadas no concello lucense de Xove, e a quinta no municipio coruñés de Ribeira, que supón outro foco.

Os catro exemplares localizados en Xove foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral, en Lugo, e o de Ribeira ao de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. A notificación destes focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, sen ningunha outra afectación noutras especies avícolas, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A valoración de risco de influenza aviaria a nivel do Estado tampouco sufriu variación respecto aos meses anteriores, ao non tomarse medidas adicionais respecto ás que xa estaban en vigor desde maio de 2023. Na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

0.19510197639465