Destinan 40.000 euros para melloras o edificio da Escola de Música de Ribadeo
O Concello de Ribadeo asina un novo convenio coa Xunta de Galicia para realizar melloras no edificio da Escola de Música. Neste caso o importe ascende a 40.000 euros, segundo anunciou o alcalde, Dani Vega. “Seguimos xestionando e traballando para mellorar as instalacións do noso concello”.
Detectaron unha necesidade de inversión. “Non podíamos destinar nestes momentos orzamentos propios. Temos a necesidade de moito orzamento doutras administracións e o que fixemos foi ter unha reunión co Consellería de Cultura, firmar un convenio de 40.000 euros e polo tanto a Xunta de Galicia nestes momentos vai poñer o 100 por 100 do investimento, 0 euros por parte do Concello nesta inversión concreta, e dende logo estamos satisfeitos”, explicou o rexedor municipal ribadense.
Dani Vega engadiu que o profesorado e a dirección, Hugo García, “dicíanos que tíñamos que actuar en primeiro lugar nas ventás porque pasa totalmente o frío, porque están moi deterioradas, porque son moitos anos de non investir absolutamente nada na Escola de Música e está agora como todos observamos, cunha necesidade de investimento elefantiásica”.
Este é o primeiro convenio, de 40.000 euros, os cales van destinar a renovar as ventás, cumprindo os parámetros de Patrimonio, é dicir de madeira, que parece que é o máis normal. O alcalde declarou: “Estamos moi satisfeitos e vamos seguir traballando coordinados para continuar xestionando orzamento porque a Escola de Música necesita moito máis, non soamente estes 40.000 euros senón moitos máis, para poñela ao 100 por 100 e que sexa digna e un espazo acolledor para que acudan todos os alumnos”.