Despedida do Bal y Gay 2025

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
23 Aug 2025

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.

Os concertos que o Festival de Música Bal y Gay trouxo na súa XII edición á Mariña Lucense foron todos moi destacados; mais eu detereime no que tivo lugar o 20 de agosto no Auditorio Casa da Cultura de Burela, fermoso municipio cuxo porto pesqueiro é un dos máis importantes da costa cantábrica, contando cunha frota de barcos guiados pola luz do “Faro da Pedra” que me evoca agora o poema de Curros “Nosa Señora de Ferro”: “Que parece unha Nosa-Señora/ Unha Nosa-Señora de ferro/ tras dela non veñen/ Abades nin cregos/ Mais vén a fartura/ E a luz e o progreso!”.

E é que o mar, no que traballan navegantes, mariñeiros, conquistadores e pobos en busca doutros pobos, é ademais beleza, espiritualidade e bravura, proporcionando alimentos, medicinas, comercio… e unha perceptible dimensión de inmensidade que foi cantada mesmo polo cubano-español Antonio Machín naquela balada romántica O Mar e o Ceo ‒ vense igual de azuis e á distancia semella que se unen…‒.

Así percibín eu á histórica Burela, á que naveguei musicalmente para escoitar ao Cuarteto Casals, fundado en 1997 na Escola Superior de Música Reina Sofía e recoñecido hoxe como cuarteto de corda de interese nacional, que percorreu escenarios como o Carnegie Hall ou o Lincoln Center de Nova York, a Beethoven House de Bonn ou o Festival de Salzburgo, entre outros, e que chegou a Burela para interpretar maxistralmente o Cuarteto de corda en re maior, Hob, III/79, Op.76/5 de J. Haydn, moi ben definido nas notas ao programa de Almudena Mohedano; o Cuarteto de corda Fiery earth ‒ Terra ardente da compositora Elisenda Fábregas, que é “unha homenaxe ao poder creativo da terra”, e o sempre impresionante Cuarteto de Corda n.º 13 en si bemol maior, Op.130 de Beethoven, sobre o que sobran palabras e do que abonda percibir sensorial e intelectualmente unha música… celestial.

Despois disto, ¡que dicir! Ata o vindeiro ano, “Bal y Gay”, se así o quere NOSSA SENHORA.

⚙ Configurar cookies
0.19267106056213