Desmantelada a primeira lancha da Cruz Vermella de Burela

AMariñaXa
A que fora a lancha de salvamento da Cruz Vermella en Burela, a chamada Carmela, foi desmantelada na xornada de onte
A primeira lancha da cruz roxa de burela
28 Jun 2022

O ente público lembra que a decisión de despezar a embarcación foi do seu propietario ao non dar froito as xestións coa Administración local e con outros organismos para buscar unha solución alternativa.

A que fora a lancha de salvamento da Cruz Vermella en Burela, a chamada Carmela, foi desmantelada na xornada de onte na explanada do porto burelés onde foi depositada no 2005 tras a súa baixa.

Dende o PP municipal reprocharonlle ao Concello non haber adicado fondos o mercala para así poder ubicala nunha das rotondas ou parques da vila mariñá.

Portos de Galicia lamenta o despezamento da embarcación de salvamento e aclara que foi necesaria a súa retirada de terreos portuarios por cuestións de seguridade. 

O ente público subliña que as xestións para a súa retirada comezaron hai anos ante o seu estado de abandono e a ausencia de tarefas de mantemento, o que supoñía un importante risco para os vehículos que estacionaban nas súas proximidades e para as persoas que paseaban pola súa contorna.

Portos de Galicia estivo en contacto permanente coa Cruz Vermella -propietaria do barco- mentres a entidade mantiña conversas coa Administración local e outros organismos coa finalidade de trasladalo a outra localización ou buscarlle un uso alternativo. Neste sentido, a intervención do ente público limitouse a solicitar a retirada da embarcación por cuestións de seguridade e foi o seu propietario quen tomou a decisión de despezala.

O organismo autonómico lamenta que os contactos para garantir a continuidade da Carmela non desen froitos pois trátase dunha embarcación histórica que entrou en servizo no ano 1980 e que realizou importantes labores de rescate e salvamento marítimo na Mariña lucense nas décadas seguintes.  

A Carmela tiña unha embarcación xemelga na Costa da Morte que tamén foi desmantelada fai lustros e foi bautizada con ese nome en homenaxe a Carmela Arias y Díaz de Rábago, condesa de Fenosa, xa que aportaran fondos para armala en Bilbao a principios dos anos 80.

0.17003703117371